A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias pecharán este xoves o primeiro bloque temático do II Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, cunha charla titulada “Adegas circulares: máis alá do viño…”, que será impartida por Marta Lores Aguín, catedrática de Química Analítica. A conferencia comezará ás 19.00 horas e todas as persoas que desexen seguila poderán facelo de xeito telemático rexistrándose no sitio web da Deputación (https://www.depo.gal).
Marta Lores falará sobre os diferentes usos que se lle poden dar aos polifenois, unhas sustancias químicas naturais que están presentes no bagazo do viño branco e que teñen moitas propiedades de interese. Na conferencia desvelarase como os polifenois poden converterse en ingredientes útiles para a súa aplicación na industria vinícola e noutros eidos como a industria alimentaria, cosmética ou veterinaria. Ademais, Marta Lores avogará por unha vinificación sostible e proporá o aproveitamento integral do bagazo de uva a prol dunha economía circular que busca valor naquilo que rexeitamos.
A segunda edición do Ciclo “Aida Fernández Ríos” comezou en abril e, dende entón, a Deputación e a RAGC achegaron a ciencia á cidadanía a través dun total de dez charlas que versaron sobre temas tan diversos como o papel das mulleres na ciencia, a contaminación por microplásticos ou os impactos do cambio climático. O ciclo volverá tras o verán, entre os meses de setembro e decembro, con cinco conferencias esta vez en centros educativos da provincia que visibilizarán a importancia da ciencia entre as poboación máis nova.