Mércores, 7 Maio de 2025

O Pazo Provincial da Deputación tínguese de turquesa con motivo do do Día da Lingua de Signos

A institución súmase a XOGA, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, para visibilizar a diversidade cultural das persoas xordas e usuarias da lingua de signos

A Deputación de Pontevedra iluminará de turquesa o seu Pazo Provincial desde a noite deste venres ata o próximo luns, 14 de xuño, ao abeiro da conmemoración do Día da Lingua dos Signos. Deste xeito, a institución provincial súmase ás reivindicacións de XOGA, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, amais de acoller o vindeiro luns o acto central da entrega de premios do concurso “Xoga coas Manciñas” na escalinata exterior do Pazo. O obxectivo desta iniciativa, destinada ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, é difundir e sensibilizar acerca da lingua de signos e da comunidade xorda a través do traballo en equipo, o fomento da cultura galega e as linguas nais

Baixo o lema “Máis que nunca, preto de ti”, preténdese dar visibilidade á diversidade cultural de todas as persoas xordas e outros usuarios/as da lingua de signos e defender a preservación das linguaxes e da cultura xorda para unha materialización real dos dereitos humanos destas  persoas. Así, a cor turquesa que tinguirá o Pazo provincial durante toda a fin de semana, identifica esta realidade como mostra de apoio ás persoas afectadas e as súas familias, amais de ser un reclamo en tempos de pandemia, onde tantas doenzas quedaron  relegadas a un segundo plano. No mundo existen aproximadamente 72 millóns de persoas xordas polo que promover o uso desta linguaxe de signos é unha responsabilidade global.