19.3 C
Pontevedra
Xoves, 8 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo inicia os estudos para descubrir "os misterios" do convento de...

    O Museo inicia os estudos para descubrir “os misterios” do convento de Santa Clara

    O vicepresidente Mosquera subliña que o traballo suporá “un antes e un despois no coñecemento de Pontevedra”

    O Museo de Pontevedra quere coñecer “os misterios” da historia do convento de Santa Clara. Así o dixo o vicepresidente e responsable político da institución César Mosquera, quen cualificou de imprescindible coñecer o estado das instalacións e tamén cal foi a súa evolución ao longo do tempo co fin de poder distinguir os elementos máis relevantes a conservar e poñer en valor ou a descartar no que moi previsiblemente será un novo edificio do Museo provincial.

    Mosquera subliñou que unha equipa multidisciplinar do Museo está a redactar as bases para o prego de contratación dos estudos arqueolóxicos, histórico-artísticos e de paramentos e construción do convento, así como da horta. Quérese afinar ao máximo as cuestións que deben estar incluídas no traballo, para o que hoxe realizouse unha visita técnica ‘in situ’ co fin de tomar contacto directo coas instalacións. Nela estiveron o director do Museo Xosé Manuel Rey, a directora de xestión Sonia Mateos, a xefa da Estación Fitopatolóxica de Areeiro Carmen Salinero, o arqueólogo provincial Rafael Rodríguez, e o arquitecto dos proxectos construtivos Javier Reboreda, ademais do propio Mosquera e o concelleiro de Urbanismo do Concello de Pontevedra Xoaquín Moreda.

    “Temos que saber moitas cuestións para empezar a traballar, como punto de partida”, apuntou Mosquera, que indicou que entre os “misterios relevantes” a coñecer está a localización dos enterramentos ademais dos xa coñecidos do xardín e do claustro – do século XV e outro do XX-. Sinalou que existe un ‘burato no tempo’ no que non se sabe onde se fixeron e é preciso localizalos para tratalos como merecen.

    Outro dos elementos a ter en conta para a rehabilitación do convento con vistas a destinalo ao Museo é saber que pasou co claustro orixinal. Segundo indicou Mosquera as ordes mendicantes como franciscanos e clarisas construían os seus edificios seguindo sempre os mesmos parámetros, algo que non acontece en Santa Clara, onde non existe o claustro enteiro, senón só dous laterais.

    A Deputación, segundo o vicepresidente, non vai “racanear” en recursos para contratar mediante concurso aos mellores especialistas para descubrir todo o que se poida das instalacións, xa que segundo a súa opinión “despois deste traballo vai haber un antes e un despois no coñecemento da historia de Pontevedra”.

    Lembrou que, a pesares de que historicamente se sabía que o centro histórico de Pontevedra era de época romana e medieval, coas catas que se fixeron polo Mercado, os estacionamentos, Valentín García Escudero, ou a rúa Princesa “cambiou radicalmente todo o panorama”.

    “Queremos poñer máis en valor todo: coñecer a nosa historia a través de Santa Clara, porque Santa Clara xa tiña tempo cando se fixo a basílica de Santa María e moito máis a Peregrina. É un arcano por descubrir que seguro nos vai dar grandes sorpresas. Agradables na súa maioría”, dixo.

    Insistiu Mosquera que de poñerse a traballar arqueólogos, historiadores, especialistas en arte e historia poderían pasar dous ou tres anos afondando sobre a materia, mais subliñou que é preciso facer as cousas ben pero con axilidade. A idea, de feito, é que o prego para a contratación dos estudos estea listo neste mes de xaneiro para que despois a empresa entregue o traballo en dous meses e medio logo da licitación.

    Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey explicou que os traballos que se van contratar  non serán de tipo finalista, “senón un principio para poder ver cara onde hai que avanzar”. “Santa Clara é unha cápsula no tempo que durante 750 anos estivo totalmente illada e entramos hoxe cunha perspectiva totalmente diferente”, apuntou.

    Subliñou que é necesaria unha equipa multidisciplinar que integre diferentes ámbitos de coñecemento para sacar unha primeira lectura de como evolucionou a construción, “que partes son realmente importantes, outras menos relevantes dende o punto de vista histórico ou artístico”. A partir de aí seguramente será preciso  ampliar os estudos, dixo.

    “Agora imos propoñer un número moi importante de sondaxes arqueolóxicas distribuídas polos 15.000 metros cadrados da finca. Estamos completamente seguros de que algunhas sondaxes serán negativas pero outras positivas, e se son positivas haberá que seguir ampliando. É un traballo que se concibe como unha primeira toma de contacto cun espazo tremendamente complexo que sufriu moitas transformacións internas e que hoxe hai que intentar lelas”, finalizou.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS