Sábado, 3 Maio de 2025

O Museo de Pontevedra acolle o ‘X Encontro de Conservación e Restauración’

Están a asistir 120 persoas de maneira presencial e outras 90 en liña dende Italia, Bélxica, EE UU, Brasil, Bolivia ou Exipto

O ‘X Encontro de Conservación e Restauración’ que este ano se centra na ‘Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural’ comezou onte no Museo de Pontevedra coa intervención Ángel Luis de Sousa Seibane, da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, quen subliñou o cambio drástico de valor que ten o patrimonio cultural na xestión das emerxencias dende apenas hai unha década, cando sucederon os terremotos de Lorca (Murcia): de ser secundario pasou a ter a mesma consideración que as infraestruturas e as telecomunicacións.

Así o manifestou na súa conferencia ‘A xestión de riscos e emerxencias no patrimonio cultural; xénese e evolución dos instrumentos e estratexias, desde Lorca ao Plan Nacional de Emerxencias e Xestión de Riscos’, na que fixo un percorrido pola evolución sobre os instrumentos e estratexias coas que se dotaron as administracións públicas españolas para tratar con situacións imprevistas ou catástrofes naturais que podían afectar ao patrimonio.

De Sousa demostrou que Lorca significou antes e despois na política de protección do patrimonio cultural. Explicou que dende 2009 o Ministerio de Cultura sabía da necesidade de crear un equipo interdisciplinar disposto a actuar de forma inmediata en situacións de emerxencia, creouno en 2010 e seis meses despois aconteceu a sucesión dos terremotos en Murcia.

Explicou que grazas ao deseño do Plan de recuperación do patrimonio cultural que fixo a Unidade de Emerxencias estableceuse un debate sobre todo coa Delegación do Goberno de Murcia e Protección Civil sobre o concepto de emerxencia, que para eles e ata entón só abarcaba a posta en seguridade das persoas, mais non a posta en seguridade dos bens culturais como obriga a Constitución. “Ata Lorca ningunha administración pública de ningún nivel consideraba unha prioridade a protección do patrimonio cultural en situacións de emerxencia. A partir de Lorca logrouse ampliar o concepto de emerxencia e considerouse a protección do patrimonio cultural, supeditada á atención da poboación, ao mesmo nivel que a de recuperación de infraestruturas ou telecomunicacións. Ao ano seguinte en 2012 encomendouse ao Ministerio de Cultura o Plan de coordinación e apoio para a protección de bens culturais en caso de emerxencia. E dende entón o patrimonio cultural foise incorporando na xestión das emerxencias”, subliñou.

Os plans de salvagarda e a formación do persoal de emerxencias

O técnico do Ministerio tamén falou das liñas de actuación do Plan Nacional de Emerxencias, dende os programas de documentación aos de formación, a  creación de unidades de emerxencia nas comunidades autónomas ata a ferramenta fundamental na que se vai basear a política do futuro en canto a protección de patrimonio: os plans de salvagarda.

Falou do problema fundamental destes plans, que é a súa implantación, porque non só interveñen os medios propios da institución cultural afectada en cada caso, senón tamén axentes externos como Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, SUMA, ou as forzas e corpos de seguridade do Estado, que teñen que actuar cando a continxencia supera as capacidades internas. Apuntou que unha das liñas do Plan Nacional é a formación específica tanto para o persoal cultural como para o externo, para facilitar criterios e metodoloxía de intervención en patrimonio cultural, un labor que ten sido interrompida pola pandemia.

O X Encontro de Conservación e Restauración foi inaugurado na mañá de onte pola directora da Escola de Restauración Carme Lorenzo e o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey. Este salientou o éxito das xornadas, que contan coa asistencia presencial de 120 persoas e en liña doutras 90 que participan dende países tan dispares como Italia, Bélxica, Estados Unidos, Brasil, Bolivia ou Exipto.