Martes, 13 Maio de 2025

O Museo acolle o ‘X Encontro de conservación e restauración’ centrado nas emerxencias naturais

A erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o terremoto de Lorca serán algunhas das situacións a analizar

O Museo de Pontevedra vai acoller a finais de mes o ‘X Encontro de conservación e restauración’ que este ano se centrará na ‘Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural’ e analizará, a través de persoas expertas de diferentes entidades de todo o Estado, catástrofes como a erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o terremoto de Lorca. Sobre a mesa estarán temas como a utilización da intelixencia artificial aplicada aos plans de protección ou as actuacións básicas para rescatar bens de interese cultural.

Segundo explica a organización do certame, o 18 de marzo de 2015 foi referendado o ‘Marco para a Redución do Risco de Desastres 2015-2030’ no seo da terceira Conferencia Mundial de Nacións Unidas celebrada en  Sendai (Xapón), que España subscribiu. Este documento, coñecido como ‘Marco de  Sendai’, é extraordinariamente relevante para a xestión do patrimonio cultural porque é a primeira vez que este se identifica como un dos elementos para protexer do risco de desastres. Destácase, ademais, a necesidade de avaliar as perdas e o seu impacto sobre o patrimonio cultural, e exponse o investimento na súa protección como unha das claves para aumentar a  resiliencia social.

Exemplos próximos como o terremoto de Lorca en 2011, o incendio de  Nôtre Dame en 2019, ou a recente erupción  volcánica na illa da Palma reforzaron a percepción de que o Patrimonio Cultural se enfronta, con máis frecuencia da desexada, a situacións de emerxencias xa sexan estas provocadas por fenómenos de orixe natural (terremotos, inundacións, furacáns…) ou antrópico (guerras, terrorismo, accidentes…). A estas débense engadir as situacións xeradas polo cambio climático e o despoboamento de zonas rurais co consecuente abandono do seu patrimonio cultural.

Ao longo das intervencións do encontro, en liña cunha mirada globalizadora, exporase cal é o estado da cuestión en relación coa xestión de riscos e emerxencias que poden afectar o patrimonio cultural e a que escenarios hai que enfrontarse. Ademais, presentaranse algúns proxectos e solucións trazadas desde diferentes institucións que están a ser pioneiras na implementación dos seus plans de protección ante emerxencias.