20 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Hospital Álvaro Cunqueiro acolle a obra que a artista baionesa Lula...

    O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle a obra que a artista baionesa Lula Goce realizou para os Premios da Cultura Galega

    O mural de gran formato titulado ‘Xa che Vigo’ reflicte espazos emblemáticos da cidade de Vigo e homenaxea á Movida e ao movemento ‘Atlántica’

    O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, e o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, inauguraron hoxe o mural Xa che Vigo, a obra de gran formato que a artista baionesa Lula Goce elaborou para a escenografía dos Premios da Cultura Galega 2019 e que foi colocada na zona de consultas do complexo hospitalario. Ao acto asistiron tamén membros do equipo directivo da Área Sanitaria.

    Para realizar esta peza Goce, que tamén estivo presente na inauguración, estableceu tres referencias principais. A primeira, a propia cidade olívica, coa presenza dalgúns dos seus espazos máis emblemáticos. A segunda foi a movida viguesa, movemento cultural e creativo excepcional que foi protagonista da derradeira edición dos Premios da Cultura Galega.

    E a terceira foi o movemento artístico Atlántica, que iniciou a eclosión dun momento artístico dinamizador da arte galega no último terzo do século XX. Pódese polo tanto asegurar que a peza conecta 40 anos de creación artística e cultural de Vigo. A técnica empregada neste mural foi acrílico, pintura plástica e sprai sobre madeira e a obra ten unhas medidas de 7,5 m x 2,5 m.

    Lula Goce é unha das expoñentes da arte urbana en Galicia. A súa obra ten un amplo percorrido internacional, especialmente os murais de gran formato, que están presentes en cidades de España, Europa, México e Estados Unidos. O seu traballo adoita ter unha gran dimensión social e conta con abundantes retratos de persoas onde transita do íntimo ao global para captar toda a identidade de cada faciana.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.