Sábado, 3 Maio de 2025

O Goberno provincial cualifica de “estrepitoso fracaso” o plan galego de banda ancha que prevía o 96 % de cobertura de fibra óptica no 2020

Carlos Font: “O avance dixital é unha competencia autonómica máis entre as moitas que a Xunta non exerce. O Goberno do Estado investiu 13 millóns € o pasado marzo que levaron a rede de alta velocidade a 5.552 fogares da provincia. Iso son feitos”

A rede de fibra óptica avanza no rural da provincia de Pontevedra ao ritmo que marcan as subvencións do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital co Plan Estatal de Banda Ancha Galicia (PEBANGA). A última convocatoria repartiu o pasado mes de marzo 13 millóns de euros que permitiron levar o servizo a 5.552 fogares pontevedreses. Mentres tanto, as axudas da Xunta canalizadas a través da Axencia para a Modernización Dixital (AMTEGA), resultan escasas e opacas, pois a Xunta non ofrece datos dos seus resultados. Así o revelou, o voceiro do grupo provincial socialista, Carlos Font, durante o Pleno da Deputación.

A raíz da moción presentada polo PP que foi rexeitada, Font subliñou que o avance dixital é “unha competencia autonómica máis entre as moitas que a Xunta non exerce e que agocha trala súa obsesión por confrontar co Executivo central”. “Que fai a Xunta? Queda sentada agardando a que nos resolvan todo dende Madrid?”, preguntouse. Ademais, lembrou que as subvencións para despregamento de fibra óptica en Galicia teñen apoio dun 75% dos fondos europeos FEADER, “o que tamén vén a demostrar o que xa sabía todo o mundo: que a Xunta é incapaz de transformar eses fondos europeos en Km de fibra óptica e que o único avance real é o que chega coas axudas estatais”.

Font acusou ao PP de “chegar sempre tarde” xa que o 2 de xuño o secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais visitou Galicia e anunciou un novo esforzo de despregamento dixital, con redes de alta capacidade ata o ano 2025, incluíndo a aceleración do 5G. Un plan da Estratexia para o Reto Demográfico que vai significar a mobilización de 2.000 millóns de euros con 13 proxectos piloto, nove deles na provincia de Pontevedra.

O deputado explicou que no ano 2015, a Xunta aprobou o Plan de Banda Larga 2020, que fixaba como obxectivos irrenunciables que o 100% dos fogares situados en núcleos rurais de máis de 500 habitantes tivese cobertura de alta velocidade e que un 96% da poboación de Galicia contase co servizo, ademais do 100% das empresas situadas en polígonos industriais. “Cumpriu a Xunta eses obxectivos?”, preguntouse, “ou formaban parte dos Mundos de Yupi?” “A Xunta quedou ancorada no ADSL”, concluíu. Tras instar ao grupo do PP “a entonar o mea culpa” cualificou a moción para esixir investimentos unicamente ao Estado e exculpando á Xunta, sendo a Administración competente, como “a certificación dun estrepitoso fracaso”.

80 millóns investidos polo Estado e tan só 14 pola Xunta

Font engadiu que os investimentos do plan estatal para Galicia, PEBANGA, nos tres últimos anos ascenderon a 80 millóns de euros. Na provincia de Pontevedra catro operadores resultaron beneficiarios (R, Opegal, Áurea Energía e Telefónica) , posibilitando a chegada da fibra óptica a 41 dos 62 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Cuntis, Covelo, Crecente, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova de Arousa). Esta mesma semana anunciábase a posta en servizo da banda ancha no Concello de A Estrada, unicamente con axudas estatais. “Cales son os datos da AMTEGA da Xunta de Galicia?”, preguntou Carlos Font, e invitou a comparar a transparencia sobre as subvencións nos sitios web do Ministerio e de AMTEGA.

Font engadiu que “contra os 80 millóns estatais repartidos a catro operadoras nos últimos tres anos, a AMTEGA só repartiu 14 millóns en 2018 e ata o último céntimo foi para Telefónica, co triste resultado de que as zonas brancas (sen cobertura e sen subvención) pasaron a grises (con subvención concedida) e cunha sensación xeral de que gran parte das obras non se fixeron e, ademais, se desincentivou a competencia empresarial; unha xestión moi gris”. A AMTEGA anunciou outros 4 millóns para este ano 2021, pero, ademais da insuficiencia da cantidade, os antecedentes non invitan ao optimismo, concluíu.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación e voceiro do BNG, César Mosquera, ironizou dicindo que “o PP está encantado co Goberno provincial e se non aplaude é porque non lle deixan”. Argumentou que presentaron neste Pleno mocións sobre o despregamento dixital (“embrollando coas competencias”) e os indultos “porque recoñecen que se están facendo as cousas francamente ben na Deputación. Gracias!”.