Sábado, 3 Maio de 2025

O Goberno de Carmela Silva aproba a contratación da quinta edición de «En Ruta coa Depo»

A Deputación revalida a súa aposta incrementando o orzamento ata os 417.000 euros, a maior inversión destinada ao programa que no 2020 contará con 20.000 prazas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a adxudicación do contrato de servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa ‘En ruta coa Depo 2020’ mediante procedemento aberto.

A principal novidade é o incremento orzamentario que a Deputación de Pontevedra destina a esta iniciativa, que contará na súa quinta edición cun orzamento base licitación de 417.600 euros. Carmela Silva destacou que se trata da maior inversión da institución provincial neste programa, supoñendo 52.600 euros máis que na actual edición.

‘En ruta coa Depo 2020’ contará con 20.000 prazas, das cales 400 serán totalmente gratuítas para persoas usuarias en risco de exclusión social e/ou que acrediten escasos recursos económicos, e cun total de 32 rutas, manténdose os percorridos que existen na actualidade.

A presidenta provincial puxo o foco en que “o obxectivo deste programa é que coñezamos a provincia de Pontevedra” e isto farase a través de “rutas por lugares emblemáticos divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e rutas interxeneracionais”.

Tal e como subliñou a presidenta “o programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro e busca ofrecer alternativas de convivencia, ocio e tempo libre para os distintos colectivos sociais da provincia”. Con el preténdese crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional.

Silva tamén lembrou a importancia desta iniciativa na loita contra a soidade das persoas maiores, que é un dos ODS a cumprir na axenda 2030, así como que a mocidade “coñeza e ame a nosa provincia”.