Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibe na Deputación ao regatista Nicolás Rodríguez García-Paz

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiu hoxe na Deputación ao regatista vigués Nicolás Rodríguez García-Paz, triple medallista mundial e dobre europeo, na modalidade de 470, e que está a preparar a súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokio.

Gorka Gómez, que destacou as grandes posibilidades de Nicolás na próxima pelexa polas medallas olímpicas, destacou o “impresionante palmarés e a traxectoria deportiva” de Nicolás, que compite xunto ao barcelonés Jordi Xammar Hernández. Despois de coñecer tódolos detalles sobre o adestramento que está a realizar de cara a cita olímpica desexoulle moita sorte.

O regatista agradeceu o apoio institucional e a información continua sobre as axudas e iniciativas da Deputación. “Sempre estou encantado de vir aquí, porque síntome moi respaldado”, afirmou. Gorka Gómez amosouse encantado pola visita e recalcou a vontade da Deputación por simplificar, eliminando burocracia, as axudas aos deportistas individuais, dado que carecen da “infraestrutura administrativa” da que pode dispoñer un equipo. Nicolás Rodríguez conta con beca Depo-DAN da Deputación, ou sexa, a axuda provincial para os deportistas de elite.

O deputado obsequiou ao regatista co libro sobre as Illas Atlánticas do fotógrafo Ricardo Groba e unha caixa de sementes da campaña turística “Segue o teu instinto”.