15.9 C
Pontevedra
Mércores, 19 de Xaneiro de 2022
Máis
    HomeÉ NoticiaO Consello Asesor cualifica de "xoia" e "regalo" para a cidadanía a...

    O Consello Asesor cualifica de “xoia” e “regalo” para a cidadanía a incorporación de Santa Clara como edificio do Museo

    Agárdase que en tres ou catro meses poidan estar claras as posibilidades de reforma

    As persoas integrantes do Consello Asesor do Museo cualificaron hoxe de “xoia”, “luxo” e “regalo” para a cidadanía de Pontevedra a incorporación de Santa Clara como edificio do Museo aberto ao público. Así o aseguraron nunha visita oficial ao convento na que puideron percorrer as construcións e a finca exterior e na que subliñaron de maneira unánime que por diante hai un “grande reto” para converter o conxunto nunha instalación que dea resposta ás necesidades do século XXI respectando a súa esencia.

    Ademais das e dos integrantes do Consello, na visita –que se estendeu máis de tres horas- tamén participaron  o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a directora de xestión Sonia Mateos, o interventor da Deputación  Antonio Graña, o xefe de Contratación Pablo Montero Carrera, a xefa de Arquitectura provincial Carmen Gómez Manzano, a xefa de Recursos Humanos María Jesús Torres Peón e o concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda González, que exerceu de guía.

    O vicepresidente Mosquera agradeceu ao Consello Asesor a súa discreción e colaboración na operación de Santa Clara, xa que fora consultado en algunha reunión antes de que a operación fose pública. A visita, segundo dixo, era unha obriga pendente dende hai tempo para que as e os integrantes coñecesen de primeira man o que poderá ser unha transformación “enorme” do Museo “xa que ningún museo urbano ten unha finca coma esta coas posibilidades que ofrece”.

    Unha vez percorridas as construcións e a horta, a arquitecta Teresa Táboas subliñou que para a cidade de Pontevedra Santa Clara é a peza que vai poñer aínda máis de relevo o modelo de cidade. Destacou o seu valor non só pola arquitectura ou pola historia, senón porque “incluír isto na cidade con estes espazos verdes fan que sexa unha xoia” e un “luxo”.

    Salientou que está convencida de que a operación de recuperación do edificio se vai facer ben pola súa confianza na equipa que hai detrás da operación, pero recoñeceu que vai ser todo un reto de moito traballo. Destacou que serán precisos os datos dos estudos que xa están en marcha para poñer luz  na historia e nas distintas etapas “que fan do edificio un cúmulo de pequenos engadidos ao longo do tempo” e, dende esa base, debater sobre o futuro:  “Temos que retomar o que nos deixou o pasado e levalo ás mans da xente do futuro”, finalizou.

    O crítico e escritor Ramón Rozas, pola súa banda, subliñou  o seu “deslumbramento total” tanto polo que hai nas instalacións como por imaxinar o que pode haber nun futuro: “Percorrer este espazo que estivo pechado sete séculos fai que se perciba unha atmosfera moi especial e moi singular”.

    Rozas falou en clave de Museo e subliñou que a existencia de Santa Clara pode significar un “desfogue” para a institución que poderá poñer fondos a disposición da cidadanía que agora non están expostos e alixeirar pezas nos edificios actuais. “Os vindeiros meses e anos vannos marcar un novo camiño tanto para a cidade por recuperar este espazo como para o propio Museo polo que vai significar novos espazos e liberar espazos no Museo”, insistiu.

    A directora da Esdemga, Lola Dopico, explicou que o convento “é un espazo que transmite moitísimas emocións e iso é o que o fai especial”. Ademais de analizalo en chave de cidade ou do Museo, tamén sinalou que se trata dun espazo que vai ter a capacidade de engadir máis dinamización social e de relación da cidadanía.

    Sinalou que “toda a parte arquitectónica é marabillosa, ata a última tabliña que un atopa, pero temos o espazo do xardín, a horta, que é  incrible ter iso dentro da cidade”. Apostou, de feito, por abrir as instalacións e facer un espazo de exhibición museístico, pero tamén de formación e de memoria da cidade e conectar a historia co presente e co futuro da cidade.

    Dopico manifestou que Santa Clara “é un grande regalo, enorme. Todos o percibimos así. A sensibilidade é esa, e cando ves iso na equipa que está detrás sabes que o proxecto –de recuperación- vai ir na mellor dirección porque todo o mundo entra co mesmo recollemento e sensibilidade ante o espazo. Iso xa di moito”.

    Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o actual é un momento de análise e reflexión e discusión crítica para intentar definir o que se quere e pode facer coas instalacións. “Cada vez que pasas tempo aquí préndense luces sobre as posibilidades, pero aínda é pronto”, explicou, afirmando que na semana que vén vaise lanzar o estudo de avaliación arqueolóxica, o estudo histórico-artístico e o estudo de lectura estratigráfica dos paramentos para identificar fases construtivas, xa que o edificio ten engadidos que é preciso ir descubrindo para comprender perfectamente a historia.

    Apuntou que a idea é que traballe nos estudos unha equipa interdisciplinar moi ampla, de alomenos 20 persoas. “Haberá escavacións arqueolóxicas e posiblemente levemos algunha sorpresa. Ese estudo permitirá ter unha idea moi clara do que foi Santa Clara e do que pode ser no futuro. En tres catro meses teremos idea de cara onde podemos ir”, finalizou.

    COLABORACIÓNS

    Xosé Monteagudo, «Eternity»

    Xosé Monteaguro volve a sorprendernos coa súa nova novela, «Eternity», que chega a nós avalada polo premio de narrativa breve Repsol do ano pasado. Nesta ocasión o autor indaga sobre a eterna arela de transcendencia alén da morte, pois a trama desenvólvese arredor da creación dunha empresa tecnolóxica (que presta o título ao relato), ideada para preservar a memoria dos falecidos. Un auténtico cemiterio virtual ateigado de narracións do que foron as vidas dos seus inquilinos, relatadas por familiares e amigos. Deste xeito achégase á idea da morte dende unha perspectiva diferente, pois o protagonismo está na reconstrución das vidas dos mortos, no recurso da memoria como bálsamo para aliviar a perda do ser querido.

    ¡Llega el 2022! el año de los patitos… ¡esperemos que no feos!

    Ha finalizado el año 2021, ese que todo el mundo decía que iba a ser el de la recuperación, el del adiós del dichoso Covid. Ilusos. Algunos pensaban que al comenzar el 2021, con las vacunas ya comenzando a administrarse a la población, el dichoso virus iba a desaparecer cómo un mal sueño. La realidad ha resultado ser muy diferente.

    «A nena lectora» de Manuel Rivas e «De cando o Suso foi Carteiro» de Xosé Neira Vilas, dúas ideas para a ‘carta aos Reis Magos’

    É tradición neste Andel colocar algúns libros para nenos cando chegan as datas do Nadal e este ano, por aquilo de manter as nosas vellas teimas, traemos dúas obras que de seguro farán as delicias dos máis pequenos (e dos non tan pequenos, que nunca somos demasiado vellos para deixarnos enredar por unha obra ben escrita). Pertencen a dous autores que non dubidamos en considerar clásicos: Manolo Rivas e Xosé Neira Vilas, que é tanto como dicir dúas apostas sobre seguro. Teñámolos moi presentes á hora de redactar a nosa misiva aos Reis Magos.

    Rumbo al 2022

    Todos necesitamos pulsar el botón “reset” de vez en cuando, poner un punto y final y volver a empezar de cero. Sin duda, el 1 de enero es el mejor momento, o eso dice el mundo que nos rodea.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    15 POSTS0 COMMENTS
    Ángel Covelo
    6 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    8 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    55 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    38 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    4 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS