Luns, 24 Marzo de 2025

O Banco de Alimentos lanza a súa primeira Gran Recollida virtual, mentres atende xa un 40% máis de persoas

Debido á pandemia, nesta edición non se recollerá comida fisicamente nos supermercados, todas as doazóns serán económicas ao pasar por caixa dos establecementos adheridos á campaña, durante a semana do 16 ao 21 de novembro

A Fundación Provincial Banco de Alimentos, con sede en Vigo e delegación propia en Pontevedra, lanza a que será a súa primeira Gran Recollida (GR2020) integramente virtual, mentres atende xa a un 40 por cento máis de persoas vulnerables como consecuencia da pandemia.

Así o informaron hoxe en rolda de prensa o presidente e vicepresidente da entidade, Pedro Pereira e Iván Martínez, respectivamente, acompañados polo máximo responsable da ONG en Pontevedra, José Luis Doval. “2020 está a ser un ano moi duro, pero o que vén será aínda peor”, indicou Pereira, á vez que sinalou que “o perfil” das persoas que reciben alimentos é diverso “algunhas delas, xamais pensaron en estar onde se atopan hoxe”.

Ao non poderse recoller comida de maneira física nos supermercados adheridos á campaña, todas as doazóns serán económicas ao pasar por caixa, ao longo da próxima semana, do 16 ao 21 de novembro. As persoas que queiran colaborar farano achegando 1€, 3€, 5€, 10€ ó 20€, un importe que aparecerá reflectido no ticket de compra como doazón aos Bancos de Alimentos que formamos parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

Así mesmo e desde xa, poden adquirirse cestas solidarias de alimentos de 10€, 20€ e 30€ a través da nosa web: www.bancoalimentosvigo.org e realizar achegas dinerarias vía BIZUM co código 01139.

Non haberá voluntarios Nesta Gran Recollida (GR2020), non se mobilizará aos 2.000 voluntari@ s cos que se contaba todos os anos, senón que será persoal habitual da Fundación Provincial Banco de Alimentos o que estará presente nos distintos centros comerciais para levar a cabo labores informativos. Trátase de que as persoas que vaian aos supermercados durante a semana do 16 ao 21 de novembro conten con información ‘in situ’ da campaña, a través destas persoas perfectamente identificadas con chalecos corporativos da ONG.

Padriños e madriñas con #granrecogidavigoypontevedra

Tampouco haberá un padriño ou madriña sorpresa como viña sendo tradición no Banco de Alimentos en cada GR, senón que, nesta ocasión, contaremos coa implicación activa da nosa ‘pequena-gran familia’ de embaixadores á campaña en redes sociais co hashtag: #granrecogidavigoypontevedra. Dita acción será similar á que realizamos en pleno confinamento, durante o mes de abril e impulsada polos cantantes Amaro e Iván Ferreiro, titulada #yoayudoalbancobueno e que foi todo un éxito recadando preto de 100.000 quilos de comida.

Animaremos ás persoas, unha vez realizado o seu donativo económico no supermercado, que adquirisen unha cesta solidaria a través da nosa web ou achegasen por BIZUM que se fagan unha fotografía cun cartel que poña # granrecogidavigoypontevedra, compártana nas súas redes sociais e nomeen a dúas persoas para que fagan o mesmo.

“Desde que comezou a crise sanitaria o pasado mes de marzo, unhas 8.000 persoas sen recursos máis, rozando xa as 30.000, reciben alimentos en toda a provincia de Pontevedra, unha cifra nunca rexistrada ao longo dos 25 anos da nosa actividade humanitaria”, manifestou Martínez.

Actividade Vigo e Pontevedra

A Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, repartiu a nivel provincial e durante os seis primeiros meses deste 2020, un total de 1.001.425 quilos de comida cubrindo así o 35 por cento das necesidades dos seus destinatarios.

No caso de Pontevedra e a súa comarca, ao redor de 350.000 quilos de alimentos ata outubro. A ONG desde a nave da rúa Faustino Santalices atende xa a unhas 6.000 persoas vulnerables, a través dos 36 colectivos sociais cos que traballa.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.