O AECT Rio Minho vai estrear este mércores 6 de xullo ás 12 horas o servizo de préstamo de bicicletas eléctricas transfronteirizas ‘E-bike Rio Minho’ que funcionará nas eurocidades de Salvaterra-Monçao, Tomiño-Cerveira e Tui-Valença para fomentar a mobilidade suave e o turismo na ‘raia’.
O ‘bike-sharing’ é unha iniciativa do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial miñoto en beneficio das eurocidades que pretende ser un servizo conxunto transfronteirizo. Trátase dun proxecto icónico e tamén simbólico, xa que supón o primeiro fito de actuación compartida real logo da problemática vivida durante o peche de fronteiras motivado pola pandemia: as bicicletas poderán circular libremente entre un e outro lado da fronteira potenciando tanto a relación entre a veciñanza dunha e outra beira como o turismo activo.
O acto de estrea comezará coa chegada de algunhas bicicletas do servizo das eurocidades de Salvaterra-Monçao e Tomiño Cerveira, que se xuntarán coas existentes en Tui-Valença na estación de comboios de Valença. Dende alí partirá unha comitiva conxunta de bicicletas eléctricas que contará coa participación da presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez, o presidente da CIM Alto Minho, un representante da CCDRN, o director do AECT Rui Teixeira e as demais alcaldesas e alcaldes das eurocidades.
Todas e todos eles percorrerán nos ciclos eléctricos un pequeno traxecto que cruzará a ponte vella de ferro ata Tui ata chegar ao espazo anexo ao edificio da Aduana, onde se realizará o acto oficial coas intervencións públicas. As persoas que queiran facer o traxecto de acompañamento poderán facelo nas bicis eléctricas dispoñibles ou nas súas propias, sempre levando o casco propio correspondente.
O proxecto ‘E-bike Rio Minho’ é unha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, é dicir, o uso alternativo aos vehículos a motor, e enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST) promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.