17.5 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaNova edición das Noites de Música Antiga na igrexa do Convento de...

    Nova edición das Noites de Música Antiga na igrexa do Convento de Santa Clara

    A igrexa do Convento de Santa Clara será este ano a sede das Noites de Música Antiga, o ciclo musical que cada verán organiza o Museo de Pontevedra. As dúas actuacións programadas nesta XIV edición son as de Resonet o venres 14 de xullo e de Ars Nova o venres 28 do mesmo mes, ambas ás 20:00 h. O acceso é de balde ata completar a capacidade.

    Resonet formouse en 1990 en Santiago de Compostela, baixo o impulso do laudista Fernando Reyes, quen dirixe o grupo, e a soprano Mercedes Hernández, tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino. Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa e ao longo da súa traxectoria realizaron numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios por todo o continente e contan cun importante número de gravacións editadas.

    Ars Longa

    A formación está composta por Mercedes Hernández (soprano), Christian Losada (tenor), Paulo González (frautas) e Fernando Reyes (tiorba, guitarra barroca e dirección). Resonet dedica grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago en particular, e isto tamén se apreciará no programa do seu concerto en Pontevedra.

    O programa da súa actuación divídese en cinco partes: a canción do bo camiño, a canción da boa vida, a canción do amor e da morte, a canción do paraíso e a canción de Santiago. Nelas soarán temas desde o século XII (Vox nostra renonet, do Códice Calixtino) ata o século XVII, con pezas de compositores e compositoras como Claudio Monteverdi, Barbara Strozzi  e Henry Purcell, entre outros.

    Ars Longa o venres 28

    O segundo e último concerto do ciclo terá como protagonista os tesouros musicais de América, a cargo de Ars Longa. Esta formación foi creada por Teresa Paz e Aland López en 1994 en La Habana, con intérpretes saídos dos conservatorios da capital cubana e do Instituto Superior de Arte, dedicados ao labor de recuperación e estudo do repertorio entre a Idade Media e o Barroco, con especial atención á música do período colonial na América Hispana.

    Ao longo destas case tres décadas de vida, Ars Longa actuou en relevantes festivais de música nacionais e internacionais de Europa e América e gravou once álbums dedicados á música do período colonial de España en América. A formación no concerto en Pontevedra estará composta por Teresa Paz (soprano e dirección), Andrea Trueba (mezzosoprano), Aland López (arquilaúde e guitarra barroca) e Beatriz López (viola da gamba). Co título ‘Tesouros de América’, o programa que interpretarán no convento de Santa Clara comprende unha ampla e coidada selección de compositores que se moven entre América e España, ben persoalmente ou ben a súa música, integrada como parte do patrimonio da música das cidades do Novo Mundo hispano. Entre pezas vocais e instrumentais, achegan un repertorio variado e representativo da altísima altura artística que se acadou nos ámbitos relixiosos e profanos, cunha sorprendente mestura de ritmos, xiros melódicos e mesmo de linguas, como se aprecia en varias das obras deste programa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.