Domingo, 4 Maio de 2025

Máis de 200 persoas desfrutarán o domingo do programa Depotermal

Un total de 235 persoas maiores de 50 anos gozarán entre este domingo día 22 e o 27 de outubro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías en cinco complexos hoteleiros  termais da provincia. Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, o domingo comezan as estadías con pernoita  tres grupos. Por unha banda, 47 veciños dos concellos de Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui e Vigo desfrutarán dunha estancia de seis días e cinco noites no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo. Por outra, 71 persoas da Estrada, Arbo, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Redondela e Vigo dirixiranse ao mesmo municipio, neste caso ao Hotel SPA Galatea. E, por último, este domingo tamén iniciará a súa estancia, neste caso no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, 33 veciños de Baiona, Marín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Vigo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

No relativo ás saídas diúrnas haberá 40 persoas dos concellos da Estrada e Lalín que se despracen ao Hotel Termas de Cuntis todos os días desde o luns 23 de outubro ata o venres 27, mentres que 44 persoas de Covelo, Mondariz, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui farán o propio no Balneario de Mondariz.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.