A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta onte o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Mónica Marcos Piñeiro, asasinada pola súa parella na localidade de A Coruña e que acaba de ser recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero.
A subdelegada anunciou que Mónica converteuse na vítima de violencia de xénero número 35 deste ano 2021 en todo o territorio nacional, e na primeira vítima galega no que vai de ano. Desde o 2003, cando se comezou a recompilar datos, xa son 1.113 as mulleres asasinadas por violencia de xénero.
Amais, cinco nenas e nenos foros asasinados pola violencia vicaria. En total, e desde o 2013, xa son 42 os nenos e nenas falecidos por este tipo de violencia.
Maica Larriba expresou a súa conmoción pola súa morte e lamentouse porque “unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller”. Larriba quixo tamén trasladar todo o seu apoio a familiares e amizades.
A subdelegada pediu a institucións, administracións e a toda a sociedade seguir loitando para evitar que se produzan novas mortes como esta. Neste sentido, Larriba lembrou que o Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten a disposición da cidadanía o teléfono 016, as consultas en liña a través do email [email protected] e a canle do WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas, todos os días da semana.
No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 a 22 horas todos os días da semana, con atención en 52 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.
Doutra banda, tamén informou de que nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero. “É un deber de toda a sociedade facerlle fronte a esta lacra”, recordou.
A día de hoxe, na provincia de Pontevedra hai 1.238 mulleres no Sistema de Seguimento de Violencia de Xénero.