Sábado, 3 Maio de 2025

Luz verde da Deputación a 1,2 millóns de euros do Plan Concellos para obras e contratación de case un cento de traballadores

Carmela Silva resaltou que os empregos, que se destinan a Silleda, Vilagarcía, Agolada, Fornelos, Vila de Cruces e Mos “permitirán garantir servizos básicos á cidadanía”

A Deputación aprobou o venres, en Xunta de Goberno, a mobilización de 1,25 millóns de euros, no marco do Plan Concellos, para o financiamento de obras en dous concellos da provincia e a contratación de 97 persoas noutros seis. A presidenta Carmela Silva explicou que os investimentos destinaranse a financiar a parte municipal do orzamento das grandes actuacións do Plan ReacPon en Moaña e Caldas de Reis, mentres que os empregos reforzarán os servizos municipais de Silleda, Vilagarcía, Agolada, Fornelos de Montes, Vila de Cruces e Mos. “As contratacións permitirán garantir os servizos básicos dos concellos”, salientou Carmela Silva.

Na Liña 1 de investimentos apróbanse 290 000 € para a rehabilitación do edificio do Concello Vello en Moaña, proxecto cun orzamento de 1,16 millóns que con esta aprobación sufragará a Deputación ao 100 %. Pola súa banda a Caldas dedícanse 87 000 € para o proxecto de transformación da área do río Bermaña, cun orzamento de 580 000 euros que tamén asume a institución provincial. Ambos proxectos xa están aprobados e asinados dentro do Plan ReacPon.

Respecto á Liña 3 de Emprego aprobáronse as achegas para os seis concellos citados por un total de 875 000 euros. “Temos solicitudes dos concellos de todo tipo, desde operarios e operarias de obras, a forestais, persoal de maquinaria, limpeza, etcétera”, detallou a presidenta.

Por concellos Silleda recibe unha achega de 92 300 euros para contratar oito peóns/as de obras públicas e un/ha administrativo/a, mentres que Vila de Cruces contará con 148.000 euros para empregar 15 traballadoras/es e de distintos ámbitos. Pola súa banda Vilagarcía recibe 309 000 euros para 36 contratacións, Agolada outros 116 000 para incorporar 14 persoas, Fornelos 87 500 para doce empregos, e Mos 120 000 euros para 11.