15.9 C
Pontevedra
Venres, 22 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaInaugurada a exposición "Ilustrando Rías Baixas"

    Inaugurada a exposición “Ilustrando Rías Baixas”

    Unha visita a toda cor pola provincia a través da arte e desde unha mesma sala. Esta é a especial proposta que ofrece “Ilustrando Rías Baixas” ata o vindeiro 19 de agosto, a nova exposición programada pola Deputación na Sala Rosalía da súa sede de Vigo e que pon en relación a artistas de diferentes xeracións da provincia para retratar os distintos espazos, lugares e xentes do territorio a través das distintas técnicas da ilustración. Andrea Jano, Kiko da Silva, Clara Cerviño, Carlos Castro, Eduardo Baamonde, Lara Lars e o dúo Nuvi e Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandón) protagonizan esta mostra que converte á sala nun auténtico “caderno de viaxes” e  que hoxe abriu as súas portas cun acto que contou cunha performance en directo a cargo de Andrea Jano e a autora Silvia Penas e ao que asistiron representantes do movemento cultural e social da cidade viguesa. Como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, esta mostra constitúe “unha nova proba do paraíso no que vivimos e do talento artístico que atesouramos”.

    “Esta exposición permítenos –apuntou Carmela Silva– coñecer as distintas paisaxes e xentes do noso territorio baixo a mirada destes e destas talentosas creadoras da ilustración. Cada un e unha coa súa mirada, coa súa técnica, co seu estilo, e co seu sentimento, debúxannos unhas Rías Baixas como o que son, unha paisaxe única da que sentirnos orgullosas e orgullosos. Como o estamos destes e destas oito artistas de diferentes xeracións que converten a nosa provincia nunha referencia do mundo da ilustración. Só me queda invitar á cidadanía a viaxar connosco polas cores das Rías Baixas e a desfrutalas a través desta magnífica proposta artística”.

    A maior parte do preto dun centenar de obras expostas foron creadas ex professo polos creadores e creadoras para a mostra. Deste xeito, na Sala Rosalía exhíbense ilustracións realizadas a acuarela, sobre lenzo, en forma de libro ilustrado ou dixitais, pasando polas caixas de luz (esculturas iluminadas) entre outras, que amosan sendas e bosques, rutas polas cidades, espazos patrimoniais ou lugares e persoas tan especiais como senlleiros. Na inauguración interviñeron a maior parte dos e das participantes para explicar o seu traballo. Entre elas, Clara Cerviño destacou que escolleu para a mostra parte da súa serie “Faros de Galicia”, amais de ilustracións de Vigo e arredores, todas feitas en tinta e acuarela. “É unha obra moi especial –sinalou-, xa que de forma literal estes faros teñen iluminado o meu camiño durante estes últimos anos, así que estou moi agradecida de poder mostralos hoxe aquí, espero que os desfrutedes e como a min os traian moia luz nas noites de tormenta!”. 

    Pola súa banda, o artista e docente Eduardo Baamonde destacou que no seu proceso artístico “o debuxo ou a pintura in situ son fundamentais”. A maior parte da súa obra exposta reflíctese nos cadernos de viaxes amosados en vitrinas, que acompañou xunto a outras acuarelas con espazos do Salnés e unha vista do Berbés en gran formato. Nos retratos de vilas e cidades que fai nos seus cadernos, afirma que é tan importante “rrexistrar os puntos carismáticos como outros menos coñecidos, cando non desprezados, pero que axudan a describir a memoria do lugar”. E Kiko da Silva, que amosa láminas da novela gráfica “Baixo a sombra das pedras flotantes” na que traballa desde hai anos, apuntou que nelas mestura, “como se fai nos filmes, imaxes de lugares das Rías Baixas, como a praia do Con Negro no Grove, o monte de Cabo Silleiro ou a Pena do Equilibrio de Ponteareas, con lugares do resto do mundo como Externsteine no Bosque teutónico en Alemaña, Nova Zelanda ou Portugal ou Rumanía, para recrear un novo paisaxe máxico”.

    O artista Carlos Castro, explicou pola súa parte que os seus cadros presentan diferentes estilos e formatos, e mentres que algúns parten de bocetos, dos que hai unha mostra nas vitrinas da exposición, outros están realizados directamente ao natural, sempre con cores da paleta básica “pero con saturación , que sexan vivos e dean alegría ás e aos espectadores”. Emprega diversas técnicas “dependendo do estilo que queira darlle á obra”. “Cando quero amosar o detalle, as formas e as construcións utilizo tinta e acuarela -indicou-, e cando quero mostrar a luz e a cor uso gouache ou acrílico. Gústanme diferentes tamaños, e segundo a portabilidade e ocasión en que estea traballando, adáptome”.

    Durante as intervencións, a artista Andrea Jano e a escritora Silvia Penas desenvolveron unha acción en directo que mesturou poesía e ilustración, “Pincel e voz para unha illa portátil” e da que saíu outra das obras que se expoñen. Deste xeito, Jano pintou sobre un vestido negro que lucía Silvia Penas, e tamén en partes do seu corpo, distintas referencias en cor branca sobre lugares da xeografía pontevedresa. Este peculiar percorrido inspirouse nas Illas Cíes e nalgúns dos seus elementos, como a flor namoradeira das praias, ”e como territorio idílico onde sobrevive a vida natural, salvaxe, libre”. Ao rematar, Penas recitou varios textos de creación propia e, unha vez finalizada a acción, o vestido loce nun manequín xa como unha peza máis na sala. Como explica Jano, esta obra é “un testemuño do tempo compartido nesta inauguración coas Cíes retratadas unicamente desde a memoria, facendo esforzo por recordar os detalles dos elementos que alí hai sen recorrer a ningunha imaxe máis alá recordo”.

    Actividades complementarias

    Ao abeiro da exposición, están previstas actividades complementarias, a primeira, a mesa redonda sobre “A ilustración en Galicia hoxe”, que terá lugar o 26 de xullo coa participación de Kiko da Silva, Lara Lars, Eduardo Baamonde e Nuvi & Éxfico. Amais, haberá dous obradoiros dirixidos ao público xeral que terán lugar durante o mes de agosto. O primeiro, o día 1, ofrecerao Carlos Castro, baixo o título “Urban sketching”, mentres que o segundo terá lugar o día 9 e impartirao Clara Cerviño, co título de “Ilustrando faros”. As inscricións para asistir tanto á mesa redonda como aos talleres poden realizarse no correo participa.cultura@depo.es).

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS