Xoves, 16 Xaneiro de 2025

Igualdade e música, na nova sede da Deputación en Vigo nos «IV Premios Sofía Novoa Ortiz»

Carmela Silva amosou o seu orgullo polo “elevado nivel técnico dos traballos” e animou ás persoas gañadoras “a que non paredes, a que sigades e continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara a consecución da plena igualdade entre mulleres e homes”

A nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo encheuse esta tarde de sensibilidade, igualdade e música para acoller a entrega da cuarta edición dos ‘Premios Sofía Novoa Ortiz’ que valoran aos mellores traballos de Fin de Grao e Máster con perspectiva de xénero, presentados na Universidade de Vigo durante o curso 2018/2019.

Amais das persoas premiadas, ao evento asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deputadas e deputados do goberno provincial, autoridades académicas da Universidade de Vigo e o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa Doce. O acto estivo conducido pola xornalista Edurne Baines e amenizado coa música da frautista Laura Lorenzo e pianista Yamini Teresa Prabhu, que interpretaron pezas de Fanny Mendelssohn, Béla Bartok, Manuel de Falla e Gabriel Fauré.

Carmela Silva, amosou sentirse “moi orgullosa polo elevado nivel técnico dos traballos galardoados” e animou ás persoas gañadoras “a que non paredes, a que continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara a consecución da plena igualdade entre mulleres e homes”. “Queremos apostar e apoiar todas aquelas iniciativas, entre as que se atopan os traballos universitarios de Fin de Grao e de Master, que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade”, asegurou Silva. “Consideramos fundamental –engadiu a presidenta– que dende o coñecemento, a investigación e a análise rigorosa se incorporen os principios de igualdade”.

[su_slider source=”media: 11616,11615,11614″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″]

Na entrega as persoas premiadas este ano tiveron a oportunidade de explicar a súa motivación á hora de introducir a perspectiva de xénero nos seus Traballos Fin de Grao e Master. Así, na modalidade de Traballos Fin de Grao alzáronse cos premios de 1.000 euros Karen Giselle Engster Appezato de Salceda e Cristina Pérez Carmuega de Pontevedra. Engster Appezato elaborou o traballo titulado Constitución española inclusiva. Estudio previo y propuesta de redacción onde realizou unha análise das modificacións gramaticais e léxicos que implica a adaptación da Constitución Española a unha linguaxe inclusiva. Pola súa banda, Pérez Carmuega presentou Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil no que se ofrece unha proposta de deseño de dous proxectos con perspectiva de xénero para a educación infantil e a súa implantación nunha aula.

Na mesma modalidade, de Traballos Fin de Grao tamén recibiu un premio de 600 € Antía Álvarez Martínez, de Vigo, por Menores transexuales en el ámbito educativo. Neste eido, o estudo afonda na transexualidade durante a infancia, concretamente na educación infantil, analizando a aceptación deste colectivo por parte da comunidade educativa.

[su_slider source=”media: 11613,11611,11612″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″]

En canto á modalidade de Traballos Fin de Máster alzáronse cos premios de 1.000 € Marta Molina Rivera de Vigo e Rut Guinarte Mencía de Redondela. A primeira presentou Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de formación profesional na que se investiga o grao de sensibilización do profesorado de FP coa igualdade de xénero, así como o interese, coñecemento e implicación con respecto á formación e recursos dispoñibles do colectivo docente. Pola súa banda, Guinarte Mencía elaborou o estudo Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias na que se integra a perspectiva de xénero no ensino de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas a través do deseño e implantación dunha sesión de 120 minutos que conxuga coidados e mediación.

Tamén na modalidade de Traballos Fin de Máster recibiu un premio de 600 euros Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, por A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia. Otero presentou o traballo A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia no que se amosa a realidade do alumnado trans e se describen as actuacións que se poden levar a cabo desde o ámbito educativo para mellorar a súa calidade de vida.

No acto conducido por Edurne Baines, directora da Editorial Belagua, recordouse a traxectoria de Sofía Novoa, unha muller cunha grande cultura pero silenciada e esquecida pola historia. Novoa, dende a pedagoxía, fixo grandes aportacións á sociedade, empregou a música como vehículo para o ensino e loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos, concretamente, traballou nun programa educativo que posibilitaba o acceso das mulleres á educación superior.