O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe á Xunta que eleve o número de PCR ata o máximo diario que o Sergas poida asumir, visto o descenso experimentado na cantidade de probas ao longo destas datas, a efectos de poder avaliar axeitadamente os rebrotes producidos durante o Nadal.
“Os expertos que están asesorando ao PSdeG dinnos que hai un aumento na taxa de positividade, polo que non nos podemos relaxar nin baixar a garda”, sinalou Gonzalo Caballero, ao tempo que puxo en valor “o comportamento responsable” que está tendo a cidadanía galega en termos xerais nestes días de festividade.
Precisamente por iso, o líder socialista advertiu de que reducir o número de PCR pode ser “un espellismo” ao non reflectir o incremento de contaxios real, polo que incidiu en que cómpre facer todas as probas “que o Sergas sexa capaz de facer”, no entorno das 7.000 diarias polo menos.
Para iso, Gonzalo Caballero requiriu mellorar o sistema de rastrexadores, visto que Galicia está á cola á hora de detectar a orixe dos contaxios ao non ser quen de concretar de onde vén o virus en “dous de cada tres casos”. É necesario rastrexar ben a trazabilidade dos contaxios para determinar a quen facer PCR e detectar así os contaxios, entre eles os asintomáticos. Así mesmo, reclamou á Xunta que “fortaleza” a Atención Primaria para dar unha mellor atención sanitaria aos galegos e ás galegas.
Ademais, no contexto do inicio deste 2021 que ten que ser “o ano da esperanza, da ilusión e da reconstrución”, o máximo dirixente socialista abundou en que “a primeira vacina” que enviou o goberno de España a finais do mes pasado “ten que ser a primeira pinga de esperanza”. Iso si, chamou a “seguir extremando as cautelas” e a actuar “con prudencia”.
Axudas económicas
En paralelo, Gonzalo Caballero non esqueceu aos sectores económicos que o están “pasando moi mal” por mor da pandemia, como a hostalería e o comercio. E, neste senso, criticou que o goberno de Feijóo pecha o 2020 con datos “arrepiantes”.
Cando “as rendas caeron en 6.000 millóns de euros”, a Xunta “só deu axudas directas por 22 millóns de euros en todo o ano 2020”, remarcou o responsable do PSdeG, para urxir ao goberno galego que apoie aos autónomos e aos pequenos negocios.
Volta ao cole
Finalmente, nun contexto de “falla de información detallada” dos contaxios por parte da Xunta nestas datas de Nadal, Gonzalo Caballero considerou convinte coñecer as conclusións do comité clínico sobre o reinicio do curso escolar e, que si así o dicen esas conclusións, pode ser razoable pasar ese reinicio deste venres, día 8, ata o vindeiro luns, día 11.