8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaFrancesco Tonucci participou hoxe na Facultade Ágora no seminario o 'Hábitat...

    Francesco Tonucci participou hoxe na Facultade Ágora no seminario o ‘Hábitat xogable’

    “As nenas e nenos son un sensible indicador ambiental, se desaparecen das rúas significa que a cidade está enferma”. Así o asegurou hoxe o pedagogo italiano Francesco Tonucci na súa participación no seminario ‘O hábitat xogable’ da Facultade Ágora da Deputación, onde subliñou que as administracións locais deben apostar por deseñar vilas na que as crianzas se desenvolvan con autonomía, evitar crear espazos específicos para elas, e traballar para reducir a velocidade e favorecer a mobilidade natural.

    Tonucci comezou a súa intervención ante as preto de 200 representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia de Pontevedra asegurando que o xogo “é a experiencia máis importante da vida”. Afirmou que é o motor de todas as aprendizaxes, mais subliñou que a día de hoxe a pequenos e pequenas non se lles dá a posibilidade de xogar ao aire libre pola desconfianza de pais e nais, porque o espazo público foi privatizado e vendido ao vehículo privado, e porque non se lles destina tempo.

    Destacou que as crianzas son “un sensible indicador ambiental, como os lucecús ou as  andoriñas, que cando non aparecen significa que o ambiente está contaminado. Pois se desaparecen as crianzas significa que a cidade está enferma. E as crianzas teñen desaparecido. Recuperar nenas na rúa significa facer algo necesario para elas pero tamén para nós , porque as crianzas na rúa modifican a rúa, fana mellor, obrigan aos adultos a portarse mellor, a facerse cargo deles. Os nenos e nenas producen seguridade”, salientou.

    Segundo Tonucci as administracións locais non deben facer unha cidade “para ou por os nenos e nenas”, senón unha cidade coa garantía de que se é se válida para pequenos e pequenas é válida para todas as persoas sen exclusión: “mulleres, maiores, persoas con discapacidade… non só para o perfil privilexiado de home traballador”.

    Foi provocador Tonucci asegurando, ademais, que as cidades serán “xogables” cando non teñan máis espazos de xogo específicos para a cativada. Indicou que alcaldes e alcaldesas poden aforrar o gasto de construír parques infantís valados e pechados, con chan acolchado, porque “son unha trampa moderna” na que as crianzas van acompañadas e a súa actividade nada ten que ver co xogo libre.

    Outro dos elementos que considerou básico para a creación dunha cidade ‘amable’ é a redución da velocidade a 30 quilómetros hora, seguindo a lei que el definiu como ‘Lei Pontevedra’ por ser a primeira vila en implantar a medida antes da aprobación da normativa estatal. “Reducir a velocidade significa favorecer a presenza das persoas na rúa cun perigo máis baixo. Crear dificultades aos movementos dos coches para favorecer o movemento autónomo é unha medida de saúde pública, é ter unha cidade que se preocupa pola súa cidadanía”, salientou.

    Apuntou tamén Tonucci que os camiños escolares deben ser un instrumento que axuda a recuperar os espazos para as crianzas, pero non un fin en si mesmo, xa que o obxectivo é recuperar a cidade, podendo “e debendo” retirar as e os monitores tan pronto sexa posible. “Os camiños son unha experiencia, un truco para chegar máis alá, pero só para que as crianzas aprendan e volvan pola tarde a eses lugares a moverse libremente. Do contrario son unha equivocación”.

    Para finalizar, Tonucci asegurou que Pontevedra é “mestra” en fomentar a relación entre o espazo público e o xogo poñendo primeiro ás persoas e limitando os poderes dos coches privados. “Ese modelo Pontevedra haino que levar a todas as vilas da provincia”, destacou, poñendo por diante o seu desexo de que as cidades teñan dous carteis nas súas entradas: un primeiro dicindo que é obrigado circular a baixa velocidade porque hai crianzas xogando na rúa e un segundo prohibindo os deberes.

    Marta Román: Quitar os carteis de ‘prohibido xogar’

    A xeógrafa Marta Román coincidiu con todos os plantexamentos de Francesco Tonucci sobre o espazo público e o xogo. Indicou que a día de hoxe todo o que rodea a infancia está rodeado de “medo” a que aconteza calquera situación negativa no espazo público, algo que se ten que reconducir porque na súa maior parte é “esaxerado”.

    Pediu ás administracións a que “rompan ou desfagan ese lío” e a non contribúan a ese medo traballando para que a infancia volva ocupar un espazo tanto na cidade como na sociedade. “Temos nenos presos, sempre vixiados, incluso con APPs de GPS. Temos que baixar o termómetro do terror porque (…) as crianzas precisan unha contorna social, a súa veciñanza, cousas que as familias por moi boas que sexan xamais lle van poder dar porque pertencen ao ámbito público e colectivo. Iso faise permitíndolles ás crianzas a liberdade”.

    Román tamén subliñou que non hai crear condicións excepcionais nas cidades para que sexan boas para a infancia, senón cambiar as regras do xogo “ e a nosa cabeza”. “As cidades deben estar a escala humana. Os coches deben ser os convidados, non os anfitrións. As persoas temos que ser as anfitrioas da cidade. Non imos quitar os coches, pero si que se comporten doutro xeito para que sexa compatible coa vida, o xogo, a autonomía de todas aquelas persoas que non queren ir con présa ou cruzar un semáforo en dous segundos”.

    Instou a alcaldes e alcaldesas a comezar a amosar publicamente o interese de que nenos e nenas estean na rúa e nos equipamentos pola súa conta: “Hai que dar permiso, facer público que os nenos e nenas non teñen que estar encerrados entre os barrotes de colores dos parques infantís, senón que poden facer recados, poden estar xogando nas beirarrúas, non só nun sitio específico para eles, porque cando creamos un parque de xogos significa que o resto da cidade non é apta para o xogo e se hai nenos a xogar noutro lugar parece que están a facer algo inadecuado. Hai que quitar eses carteis que hai nalgunhas prazas de ‘prohibido xogar’ e realmente comezar a darse conta do grande problema que viven nenos e nenas da falta de adecuación dos espazos”, subliñou.

    Segundo dixo, “actuar nas cidades é unha necesidade urxente. Precisamos xente disposta a correr riscos polo benestar colectivo”.

    Juan Gil: Crianzas suxeitas “como mascotas”

    O pediatra Juan Gil falou na Facultade Ágora en nome da infancia para poñer de manifesto as súas necesidades, entre as que destacou o xogo, que ao seu entender está como necesidade ao mesmo nivel que a alimentación, a hixiene, o afecto, a aprendizaxe.

    Os espazos de convivencia nas cidades, segundo Gil, son fundamentais para a infancia porque é onde se poden mesturar cos demais, coas demais etapas de idade da vida, cos adultos, anciáns, coa diversidade de persoas que conforman a sociedade, de maneira que haxa unha interactuación. Apostou pola liberdade e a confianza nas pequenas e pequenos, pero tamén manifestou que é preciso facer unha recomposición da organización das cidades e poñer a infancia no primeiro ou no segundo plano.

     “Non pode ser que na cidade primen os intereses económicos ou comerciais, ou o tráfico rodado. Así estamos. Por iso temos medo, porque non temos espazos e os nenos teñen que ir suxeitos como se fosen mascotas. Por aí é por onde ir, por crear espazos amables e seguros que permitan actividade. As cidades teñen que cambiar”, dixo.

    Gil quixo aproveitar para cualificar a iniciativa da Rede Ágora e da Facultade Ágora como unha idea “interesantísima”. “Que haxa organismos tan interesados nun obxectivo tan difícil e tan necesario de conseguir –recuperar o espazo público- é fundamental. É un labor importante e de calado que vai ter un beneficio seguro. Os pediatras estamos desexando conectar a contorna social das crianzas coa saúde, porque a saúde depende do ámbito no que viven. A ver cal é a resposta das administracións”, subliñou.

    Fixo un chamamento ás alcaldías e entidades locais e deputacións a asumir que “teñen unha responsabilidade tremenda” á hora de tomar decisións sobre como deseñar as cidades. “Pódese facer, non é difícil, pero hai que ter ideas claras e vontade de facelo. O futuro e o presente dun país depende da calidade da formación que ten a súa cidadanía e da calidade de vida destes”, comentou.

    María Masaguer e Martín Barreiro: Corredores ecolóxicos para crías de humano

    As dúas persoas integrantes do Estudo Rurban, María Masaguer e Martín Barreiro, foron as encargadas de falar dos casos prácticos na provincia de Pontevedra á hora de falar da ‘xogabilidade’ do espazo público.

    Subliñaron que a autonomía infantil é unha cuestión de facilitación que ten que ver cos costumes e a identidade cultural de como se usan os espazos públicos e como se transforman tanto polos hábitos como coas obras. Puxeron sobre a mesa que Pontevedra ten un terzo da súa poboación no territorio rururbano e que existen cinco solucións non convencionais que poderían posibilitar outros usos do espazo público –rapazada xogando en calquera sitio- que agora non son posibles “polas formas de conducir da cidadanía”.

    Segundo subliñaron, unha das primeiras actuacións posibles son os estreitamentos de calzadas que obriguen aos coches a facer alternancias e deixando un mínimo de 2,5 metros de ancho para as persoas; a segunda fórmula pasaría por proxectos que abranguen máis dun ámbito administrativo para promover a autonomía, xa que moitos espazos son competencias conxuntas; o terceiro punto apostaría por “xerar corredores ecolóxicos para as crías de humanos”, estruturas que eviten a fragmentación de usos e que potencien os itinerarios continuos e os cruzamentos seguros nos que as prioridades sexan das persoas; o cuarto punto sería o marcado viario para as persoas en lugar de para os coches, sinalizando non os carrís de circulación senón os espazos de preferencia peonil; e finalmente o quinto punto da adopción de fórmulas non convencionais, necesarias e controversas pasaría porque a creación de conectores teñan a consideración de infraestruturas básicas contempladas no planeamento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.