12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Fiando Redes», novo programa de igualdade para as asociacións con propostas culturais...

    «Fiando Redes», novo programa de igualdade para as asociacións con propostas culturais inclusivas e con perspectiva de xénero

    Os colectivos poderán solicitar a realización das actividades incluídas neste programa, que inclúen encontros con escritoras, representacións escénicas, actuacións musicais, intervencións murais ou faladoiros

    Activar o tecido asociativo feminino, tecer redes e mobilizar conciencias a prol da sensibilización en igualdade de xénero son os principais obxectivos do novo programa que lanza a Deputación de Pontevedra, “Fiando Redes”, que está dirixido ás asociacións de mulleres e outros colectivos, federacións ou fundacións da provincia que teñan como fin prioritario e ámbito de actuación a promoción da igualdade.

    Deste xeito, a través da iniciativa, para a que a Xunta de Goberno aprobará este venres as bases cun orzamento de case 277.000 euros, a Deputación financiará para estas asociacións distintas actividades culturais, con temática inclusiva e con perspectiva de xénero, coas que se pretende favorecer a socialización das mulleres, activar a súa participación social e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo das artistas que participan no programa. Do mesmo xeito, supón o inicio da progresiva recuperación dos programas con participación da cidadanía despois das restricións máis duras da pandemia.

    As actividades que ofertará a Deputación enmárcanse en cinco bloques: encontros con escritoras, acción escénica, música, mural e faladoiros. No primeiro caso, trátase de reunións coas autoras galegas María Lado, Dores Tembrás e Miriam Ferradáns, coas que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a creación literaria, ao tempo que se fomentan a lectura, a escritura creativa e a oralidade e valores como a tolerancia e a igualdade.

    As accións escénicas integrarán interpretación, música e baile e as asociacións poderán elixir entre os espectáculos da dramaturga, actriz e directora Mónica Sueiro; o recital “Literarias”, con Mariana Carballal, Isabel Blanco e Silvia Penas; e as pezas da creativa e adestradora emocional Baia Fernández ou das actrices Laura Villaverde e Sue Moreno.

    As actuacións musicais ofertadas a través de “Fiando Redes” son as das artistas galegas Las Antonias; Regueifas, con Alba María e Lupe Blanco; Zeltia e Nastasia Zürcher, mentres que as artistas que realizarán murais con perspectiva de xénero son Nana, Doa Oa, Laura Tova e Laura Torres.

    Por último, no caso dos faladoiros, estarán a cargo da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) e os colectivos poderán escoller entre os seguintes temas: Prevención de violencias machistas, Coñecendo a menopausia; Autocoidados; Ecofeminismo/Sustentabilidade da Vida; A linguaxe inclusiva como motor do cambio; Recursos contra a violencia machista; Muller e Saúde; Estimulación Cognitiva a través do Xogo; Escape Room da igualdade ou Música, Cine, Televisión.

    As entidades interesadas deberán solicitar, como máximo, cinco actividades por orde de prioridade entre as mencionadas e a Deputación concederalle a cada asociación unha soa proposta, en función da dispoñibilidade e a orde de petición. O prazo para realizar as solicitudes, que se formalizarán preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica (sede.depo.gal), comezará un día despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e deberán pedirse cunha antelación de máis de 20 días naturais á data en que se prevea celebrar.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.