Domingo, 4 Maio de 2025

Esgotadas en 48 horas as prazas para participar na ruta ‘Os viñedos do Castelo’

As persoas participantes nesta novidosa iniciativa da Deputación achegaranse á historia do Castelo de Soutomaior e participarán nun percorrido polos viñedos e nunha cata, amais de asistir a un espectáculo teatral

Gran acollida á iniciativa da Deputación de Pontevedra ‘Os viñedos do Castelo’. En só 48 horas dende a apertura do prazo de inscrición, esgotáronse as prazas para participar nesta novidosa ruta, que combina historia cun percorrido polos viñedos, unha cata e un espectáculo teatral. Deste xeito, esta primeira edición da actividade terá o seu aforo completo nas distintas sesións que se celebrarán os días 20, 21, 27 e 28 de agosto e tan só queda unha soa praza para a cita do 3 de setembro ás 19 horas.

As persoas participantes na actividade ‘Os viñedos do Castelo’, que terá unha duración de 90 minutos, iniciarán o seu periplo cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, no decurso do cal explicaranse cuestións relativas ás orixes do viño, á DO Rías Baixas e as súas subzonas (destacando a de Soutomaior), así como sobre os tipos de uvas e o proceso da vendima. A sesión estará impartida por persoal propio de turismo que achegará a experiencia natural do percorrido e, deste xeito, as persoas participantes terán a oportunidade de aprender e coñecer en que consiste o proceso de vendima nesta contorna privilexiada, a carón dun castelo medieval e dun xardín de Excelencia Internacional.

Tralo percorrido polos viñedos, terá lugar unha cata do caldo ‘Pedro Madruga’, que sae das mesmas cepas do Castelo de Soutomaior e foi obtido da colleita de 2019 pola adega ‘Quinta das Eiras’. E a última parte da degustación estará amenizada por Rosso&Bianco (o dúo cómico formado por David Carrera e Alberto Antelo), que interpretarán a súa peza teatral ‘Albariño Edition’, un monográfico sobre o viño albariño dende un punto de vista persoal e ameno. A través desta novidosa iniciativa, a Deputación busca promover o produto local e desenvolver actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente, ofrecendo experiencias a carón do patrimonio histórico e natural.