Venres, 9 Maio de 2025

Esgotadas en 24 horas as 104 prazas para a primeira actividade do ‘Depo Auga’ no río Deva na Cañiza

O novo programa da Deputación de Pontevedra combina paddle surf e kayak e contará cunha segunda actividade o 28 de agosto no río Miño no concello das Neves

Depo Auga, o novo programa da Deputación de Pontevedra que combina deporte e natureza a través do paddle surf e o kayak nos ríos da provincia, tense estreado cunha excepcional acollida. Así, as 104 prazas para a primeira das actividades, prevista o vindeiro 8 de agosto no río Deva, no concello da Cañiza, esgotáronse en tan só 24 horas trala apertura este luns do prazo de inscrición, e tamén está completa a lista de agarda para o caso en que se produzan baixas.

Depo Auga está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e consiste en rutas guiadas de aproximadamente hora e media de duración polo río nunha táboa de paddle surf ou nun kayak. Ambas modalidades contan cada vez máis con maior número de afeccionados e son unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. Das 104 prazas ofertadas para esta actividade no río Deva, 56 son para kayak e 48 para a modalidade paddle surf, que se distribúen nun total de catro quendas (14 persoas no caso do kayak e 12 no paddle surf en cada unha).

Despois desta primeira ruta, haberá unha segunda co mesmo número de prazas o 28 de agosto no río Miño ao seu paso polo concello das Neves, para a que as persoas interesadas poderán inscribirse a partir do 9 de agosto. Poden participar grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa, apuntarse nunha das catro quendas que se ofertan por día e entregaráselles todo o material necesario para as actividades.