14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaDeputación e Secretaría de Estado de Turismo sentan as bases dunha relación...

    Deputación e Secretaría de Estado de Turismo sentan as bases dunha relación bilateral para mellorar o turismo e reactivar o sector

    Carmela Silva: “Precisamos confianza, seguridade e optimismo. Agora toca sacar ao sector dun momento durísimo da man de todas as administracións e do sector privado”

    No marco da Mesa de Turismo, o espazo de gobernanza creado pola Deputación de Pontevedra no ano 2018, a presidenta Carmela Silva e o secretario de Estado de Turismo Fernando Valdés sentaron as bases dunha relación bilateral entre ambas institucións para identificar os proxectos verdadeiramente estratéxicos que melloren o destino turístico e permitan reactivar o sector na provincia. A presidenta da Deputación, tras escoitar a explicación de Valdés sobre as novas liñas de apoio ao sector que ten en marcha e está a preparar o goberno de España, asegurou que “precisamos confianza, seguridade e optimismo. Este é o momento de traballar unidos, xuntas e xuntos, e sumar sinerxías. Agora toca sacar ao sector da situación durísima que está atravesando e toca facelo da man de todas as administracións e do sector privado”. Neste eido, Silva avanzou as liñas do Plan Estratéxico 2021-2023 que “ten por obxectivo principal converter ao territorio nun destino intelixente” e amosou a súa confianza en que “de cara ao primeiro semestre as cousas melloren e poidamos ir recuperando todo ese posicionamento de liderado que temos no mundo”.

    “Se sempre é fundamental, necesario e imprescindible unha comunicación directa, nestes momentos de pandemia global é máis necesario que nunca ter información sobre as liñas e eixos que están a liderar as diferentes administracións”, asegurou Carmela Silva quen agradeceu a presenza do secretario de Turismo Fernando Valdés na Mesa de Turismo e a súa disposición a colaborar conxuntamente para relanzar o turismo na provincia de Pontevedra. O secretario, quen apelou á “unidade das administracións” para facer fronte á pandemia, resumiu as propostas que o goberno impulsou desde marzo para “preservar o tecido produtivo e o traballo asociado ao sector turístico” e, de cara ao curto e medio prazo, adiantou novas iniciativas nas que está a traballar, como a ampliación de medidas para reducir os custes fixos das empresas. Valdés tamén informou que se está a traballar para a xeración de emprego de calidade, mellorar a oferta e o produto, transformar o sector, apostar pola dixitalización do sector público e privado turístico e mellorar o modelo económico e produtivo, reposicionando o destino con plans de sustentabilidade turística ou centrados en aspectos como a conservación e recuperación do patrimonio histórico para uso turístico. Cuestións nas que, como destacou a presidenta provincial, a Deputación estaba xa traballando e nas que segue a facelo a través do novo Plan Estratéxico de Turismo ligado ás “liñas tractoras que marcou o goberno de España”.

    Carmela Silva: “Precisamos confianza, seguridade e optimismo. Este é o momento de traballar unidos, xuntas e xuntos, e sumar sinerxías”

    No transcurso da Mesa de Turismo, na que ademais do secretario de Estado de Turismo Fernando Valdés participaron representantes de concellos da provincia, o delegado provincial da Axencia de Turismo de Galicia Felipe Ferrero, a directora do Aeroporto de Vigo Ana Molés, o presidente do Clúster de Turismo Cesáreo Pardal, o presidente da Federación Provincial de Hostalaría da Provincia de Pontevedra César Ballesteros, representantes da Mancomunidade do Salnés, do CFPI Manuel Antonio, da Ruta do viño Rías Baixas e do GALP Ría de Vigo A Guarda, a presidenta avanzou as liñas do Plan Estratéxico 2021-2023 que ten por obxectivo principal “converter ao territorio nun destino turístico intelixente”. Así, no marco deste novo plan, estanse xa a realizar os traballos de diagnóstico e de aliñamento coa Axenda 2030 e, a partir de xaneiro, terán lugar as meses de traballo “para recoller as aportacións de todos os axentes implicados no eido do turismo”.

    Outra das novidades adiantadas pola presidenta da Deputación foi o eixo temático da campaña de promoción turística de cara ao 2021: será “novidosa, con moitas sorpresas” e estará centrada “no destino multiexperiencial que ofrecen os camiños e roteiros materiais e inmateriais da nosa provincia. Imos planificar unha campaña na que imos dicirlle ás persoas que aquí poden facer o seu propio camiño”. En concreto, a nova campaña, cuxo lema e imaxe serán presentados en xaneiro, “porá en valor recursos relacionados co turismo rural, co benestar físico e emocional, co turismo de natureza e na que se destacarán roteiros desestacionalizadores como a Ruta das Camelias, a Ruta Arqueolóxica, as Rutas do Viño, todos os camiños que rematan en Compostela e transcorren pola provincia de Pontevedra e rutas de sendeirismo en espazos naturais”.

    Durante a Mesa do Camiño a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén fixo balance do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 que ten cumprido practicamente ao 100% todas as súas liñas estratéxicas. Así, a presidenta recordou as iniciativas postas en marcha en cada unha das cinco liñas estratéxicas do plan (xestión e gobernanza, estruturación da oferta orientada á demanda, excelencia no destino e no sector, promoción e apoio á comercialización) como a creación da Mesa do Camiño, xunto á de Turismo; a posta en marcha da Rede de Oficinas Info Rías Baixas, que ten xa 25 oficinas adheridas das cales dez serán certificadas coa Q de calidade; a aposta polo destino multiexperiencial; o proxecto Tourist Inside, que cun orzamento de preto de 2 millóns de euros vai permitir a transformación dixital das oficinas, a implantación de servizos dirixidos aos turistas, a dixitalización do territorio, a posta a disposición de ferramentas dirixidas ao sector empresarial e a implantación dunha plataforma de interoperatibilidade; campañas como “Fame de experiencias”, “Segue o teu insinto”, “Viaxa mañá, Rías Baixas te esperan”, “Rías Baixas visítante” ou “#21Days21Destinations”; ou o workshop desenvolvido en Barcelona. Neste último aspecto, Silva destacou a vontade de organizar no 2021 os workshop de Madrid e Valencia (previstos para este ano pero que tiveron que ser aprazados pola pandemia), así como activar o “Travel Book Experience”.

    Finalmente a presidenta aproveitou a ocasión para recordar que dende a declaración do estado de alarma impulsáronse plans de continxencia e adaptación de medidas de prevención fronte á covid nas oficinas da rede Info Rías Baixas, no Castelo de Soutomaior, Sobroso, Pazo de Liñares e Castro Deza. Do mesmo xeito tivo que adaptarse a formación SICTED a formato online, impulsáronse accións destinadas a dinamizar o turismo garantindo actividades seguras e achegouse información práctica a través de SmartPeme ou dende a área de Emprego. Tamén se mantivo a colaboración económica con todas as festas de interese nacional e internacional, ao igual que aconteceu cos Rías Baixas Fests. Por último, en canto á calidade, a presidenta recordou que no 2020 adheríronse 54 novas entidades ao Plan de Calidade que está a impulsar no destino seguindo a metodoloxía SICTED.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.