Sábado, 3 Maio de 2025

Comeza o curso 2023/24 de SmartPeme

O curso 2023/2024 do programa SmartPeme comeza esta semana con catro accións formativas telemáticas que se espallarán ata o xoves 21 de setembro. O programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación arrancará o curso centrándose en ciberseguridade, branding, marca persoal e chat GPT.

O primeiro curso da semana será hoxe luns 18 ás 10:00, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na internet” ten como obxectivo dar a coñecer aos asistentes os riscos aos que estamos expostos ao navegar por internet.

O martes 19 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Branding verbal, crea marca coas túas palabras”. Este curso centrarase nun dos puntos máis importantes da creación de marca: o branding verbal, que axuda a definir e transmitir a mensaxe para chegar ao mercado. O obradoiro será impartido por Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 20 pola mañá, a mentora internacional de negocios dixitais de marca persoal e doutora en comunicación, Carla de Pont, exporá “Como crear unha marca persoal sólida no dixital”. O obxectivo desta acción formativa é proporcionar ás persoas emprendedoras e creadoras de contido unha folla de ruta que lles axude a construír unha presenza dixital auténtica e sólida, coa que gañar visibilidade e atraer clientes en liña.

Por último o xoves 21 terá lugar o curso “Chat GPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento”, un itinerario de 6 talleres online dunha hora cada un, co obxectivo de dar a coñecer o manexo das novas ferramentas gratuítas baseadas en Intelixencia Artificial, Chat GPT e Stable Diffusion. O primeiro dos obradoiros, que terá lugar este xoves, será impartido por Manuel Freire e centrarase na Intelixencia Artificial e os seus conceptos básicos.