21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva salienta o "excelente traballo" do persoal do Príncipe Felipe para...

    Carmela Silva salienta o “excelente traballo” do persoal do Príncipe Felipe para garantir a saúde das e dos menores

    A presidenta participa dunha nova xuntanza do Comité de Seguimento e resalta o gran esforzo de atención individualizada á situación psicolóxica e emocional dos nenos e nenas, tanto dos internados/as como dos que están nas súas casas

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou nunha nova xuntanza do Comité de Seguimento do COVID19, creado especificamente no Centro Príncipe Felipe para deseñar as medidas preventivas e de protección da saúde do alumnado e do persoal, así como para garantir o adecuado desenvolvemento psicosocial e pedagóxico dos nenos/as durante o confinamento imposto trala declaración do estado de alarma.

    O Comité de Seguemento, que está formado polo director, Manuel Cendón; a xefa de Xestión, Ana Soto; a médica do centro, Ana Canabal; o director do Centro de Infantil, Emilio López; a directora da Escola Fogar, María Isabel Casal; a directora do Centro Agarimo, Asunción Reboreda e a técnica de Mantemento, Antía Parcero, recibiu instrucións claras e directas da Presidencia da Deputación de comunicar calquera medida adicional que poida implantarse e que contribúa aínda máis á protección e benestar dos menores.

    Carmela Silva fixo un recoñecemento explícito ao traballo que está a desenvolver todo o persoal do Príncipe Felipe, comezando polo seu equipo directivo, ao que agradeceu moi especialmente a súa dedicación total e absoluta. O Centro Príncipe Felipe está a ser modélico durante esta crise, afirmou, converténdose nunha referencia na adopción temperá de medidas organizativas e de sensibilidade no coidado dos rapaces e rapazas, tanto os tutelados, que permanecen no centro, como os que están en situación legal de garda, que pasan o confinamento nas súas casas.

    A presidenta da Deputación pediu ao equipo directivo que traslade a todo o persoal do Príncipe Felipe o agradecemento non só do Goberno provincial, senón de todo o cadro de persoal da Deputación, “diante do traballo tan intenso que se está a realizar nunha situación extremadamente complexa, na que, como moi ben dixo unha integrante da Comisión de Seguimento, traballamos con nenos e nenas, e non con papeis”. “Confirmei persoalmente”, engade Carmela Silva, “que a maior preocupación da xente que traballa no Príncipe Felipe son os nenos e as nenas”.

    Durante a xuntanza, na que mesmo se revisaron os informes de seguimento individualizado dos educadores do Centro, alertouse de que os estudos sociolóxicos alertan sobre os efectos emocionais das corentenas. Deuse conta de que os nenos e nenas teñen problemas para asimilar unha situación tan complexa. Nestas circunstancias, insistiuse, o traballo diario do persoal require dunha planificación exhaustiva. “Foi unha xuntanza na que nos ocupamos case exclusivamente da situación dos nenos e das nenas e que, debido á súa dificultade para comprender e asimilar esta restrición absoluta de movementos, están en risco de padecer depresións, estrés, desánimo ou ansiedade”, explica Carmela Silva.

    En canto aos rapaces que están nos seus domicilios, destacouse que o persoal educador está a realizar chamadas telefónicas e video-chamadas diarias ás familias máis sensibles. Así continúase realizando orientación ás nais e pais, ofrécense consellos para organizar actividades durante este período de illamento, provense recursos psicoeducativos para axudar ao establecemento de rutinas, asesoramento para a abordaxe de problemas emocionais e mesmo sesións de “minifullness”. Todo elo sen perder de vista o reparto diario de víveres básicos, medicamentos para os nenos/as que os teñan prescrito e, nalgúns casos, kits de hixiene persoal. Aos menores que non dispoñen de Internet nos seus fogares comunícanselle as tarefas escolares e tamén se lle achegan en papel.

    Unha última cuestión abordada hoxe foi a satisfacción polas medidas tomadas, como o reforzo no servizo de Vixilancia e na Enfermería, a habilitación de dous espazos como “minihospitais de día” por se aparecera algún caso positivo, así como o novo reforzo que estes días se lle deu ao servizo de limpeza. A elo súmase a desinfección exterior de tódalas rúas e espazos do Centro, que comezou a realizarse cunha cadencia de dúas veces por semana, baixo a supervisión dos especialistas da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

    Finalmente, deuse conta da actualización constante de tódolos protocolos en materia sanitaria atendendo ás publicacións que vai facendo a Xunta de Galicia e o Goberno de España, publicacións que mesmo en ocasións van por detrás das medidas que xa se tiñan implantado no Príncipe Felipe.

    Por outra banda, froito das suxestións recollidas durante a xuntanza do Comité de Seguimento celebrada a semana pasada, o Príncipe Felipe estreou novos equipos tecnolóxicos para que os menores internados no Centro Agarimo e o persoal educador poidan interactuar de cara á realización telemática das tarefas escolares. A maiores implantouse un servizo de “streaming” para que as 15 unidades do Centro Infantil, Agarimo e Escola Fogar teñan acceso aos contidos de Disney+ e Netflix. A Deputación abona as subscricións e, ademais, adquiriu reprodutores Android. Esta novidade foi moi ben acollida e supuxo unha mellora no estado de ánimo.

    O reforzo tecnolóxico inclúe tamén o traballo remoto de todo o persoal técnico do Centro sen actividade presencial ao non estar de quenda. Con este obxectivo estase a prestar asistencia técnica ás traballadoras e ós traballadores para configurar os seus equipamentos informáticos domésticos e, ademais, puxéronse catro ordenadores portátiles e un teléfono móbil para aqueles casos nos que no dispoñían dos medios necesarios.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.