9 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva reivindica a necesidade de situar á axenda feminista "no centro...

    Carmela Silva reivindica a necesidade de situar á axenda feminista “no centro do debate público e da acción política”

    Na ponencia inaugural do curso da UNED “O silencio social, gran cómplice do machismo”, a presidenta chamou a impulsar “un novo modelo de xestión que integre a igualdade de xeito transversal para construír unha sociedade máis xusta”

    Ante un auditorio virtual e presencial de máis de medio centenar de persoas e a presenza do director do Campus Noroeste da UNED, Víctor González, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, impartiu na tarde de onte o relatorio inaugural do curso ‘O silencio social, gran cómplice do machismo’ desenvolvido baixo a coordinación de Jesús Pozo e a dirección de María Acracia Núñez.

    Co título ‘A axenda feminista pendente’ Carmela Silva reivindicou a necesidade de poñer “no centro do debate público e da acción política a Axenda Feminista para conseguir avances concretos e impulsar un novo modelo de xestión que integre a igualdade de xeito transversal para construír unha sociedade máis xusta, rachando coas desigualdades e violencias que seguimos a padecer as mulleres polo mero feito de selo”.

    Click para ampliar

    A presidencia provincial comezou a súa intervención afondando nas razóns que fan necesaria e emerxente a Axenda Feminista a través dos “datos da desigualdade” que amosan “con claridade a discriminación e múltiples violencias machistas que sufrimos as mulleres”. Remarcou que estamos nunha situación de “emerxencia feminista” e fixo un relatorio pormenorizado dos fitos da Axenda entre os que situou ás violencias machistas así como a reivindicación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da prostitución e a loita contra a explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas, a reivindicación da importancia dos coidados e a promoción da corresponsabilidade, a loita contra a hipersexualización e cousificación do corpo das nenas e mulleres, a feminización da pobreza, a precariedade laboral que sofren as mulleres, a fenda salarial, o teito de cristal e os chans pegañentos, a visibilización da contribución das mulleres ao desenvolvemento da humanidade, a necesidade de ocupar o espazo público e a importancia de garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe para todas as persoas.

    A presidenta da Deputación, que acompañou os fitos da Axenda Feminista de datos clave que poñen de relevancia o papel que ocupan as mulleres en diferentes ámbitos e de vídeos con contidos relacionados cos datos mencionados, detallou tamén as actividades que a Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha para reivindicar a igualdade, visibilizar ás mulleres e rachar contra as violencias machistas como ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’; a programación da Escola de Igualdade María Vinyals; os programas ‘Inspira STEAM’, ‘Conectadas’, ‘Descúbreas’, ‘Depomar’, ‘Cinema e muller’, ‘Mulleres no foco’, ‘365 días, 365 mulleres’ ou ‘A maleta dos océanos’; as campañas igualitarias de xogo igualitario, inclusivo e non violento, de visibilización de mulleres produtoras (‘Elixe igualdade’), de visibilización de mulleres deportistas (‘A realidade das mulleres deportistas’) ou de fomento da corresponsabilidade (‘Súmate ao cambio’); os premios ‘GirlGeekCovid’ e Sofía Novoa; as exposicións ‘Rompe. Xoga en Igualdade’, ‘Sempre marzo’, ‘Con A de astrónomas’ ou ”Materiais para pensar, desfrutar e profanar. Obra plástica de María Xosé Queizán’; o catálogo ‘Mulleres do silencio’; o foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ ou a Cátedra de Feminismos 4.0 que a institución impulsa coa Universidade de Vigo.

    “As discriminacións das mulleres existen, os datos son irrefutables, dixo, pero tamén é certo que hai accións, políticas, decisións e actitudes que a sociedade e as administracións públicas deben tomar para correxilas”.

    Trala intervención de Carmela Silva, que rematou co vídeo ‘Matriarcas’ de Guadi Galego, na versión das nenas e mulleres das escolas de música participantes na plataforma ‘Descúbreas’, a directora do curso e profesora Titular de Dereito Constitucional da UNED, María Acracia Núñez, impartiu a conferencia ‘Evolución do papel da muller na educación española’ (19.00 a 21.00 horas). Mañá martes terán lugar no marco do curso outras catro conferencias a cargo de Encarnación Orozco, exdelegada especial do Goberno contra a Violencia de Xénero e Ex Directora do Gabinete da Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social quen afondará en ‘De onde vimos e onde estamos: o percorrido da Lei contra a violencia de xénero’ (10.00 a 12.00 h); de Mercedes Fernández, profesora de Antropoloxía da Universidade de Barcelona quen se centrará en ‘ Para crear o novo’ (12.00-14:00 h); de Lola Álvarez, xornalista, ex directora da Axencia EFE e profesora titular da Universidade Loyola, que falará sobre ‘A infoxicación do feminismo?’ (17.00-19.00 h); e a e o xornalistas Yolanda Cruz e Jesús Pozo, que afondarán no ‘Cine na educación para a igualdade. A experiencia do Festival Visualízame. Con proxección de curtas’ (19.00 a 21.00 h).

    O curso ‘O silencio social, gran cómplice do machismo’ pecharase o mércores coas xornalistas Nieves Concostrina e Joana Pardos que darán a coñecer ‘A experiencia do formato Pioneiras’ (9.00 a 11.00 horas), e coa mesa redonda ‘El silencio social, principal cómplice do machismo’ na que intervirán Lola Álvarez, Nieves Concostrina, Yolanda Cruz e Jesús Pozo (11.00 a 13.00 horas).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.