8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva e César Mosquera presentan o novo goberno provincial

    Carmela Silva e César Mosquera presentan o novo goberno provincial

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente provincial César Mosquera, informaron o venres, en rolda de prensa, da composición e estrutura do novo goberno provincial, coa distribución de áreas, así como das deputadas e deputados que integrarán a Xunta de Goberno. Tal e como destacou Silva, a distribución responde aos catro “grandes obxectivos” do novo mandato que se vertebrará arredor da transición ecolóxica, da igualdade e do respecto á diversidade, dos dereitos da cidadanía e da cultura e desenvolvemento.

    “Configuramos un goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e na que todos os acordos se deciden conxuntamente, de forma consensuada e atendendo a uns obxectivos claros e definidos”, asegurou a presidenta que tamén adiantou que o vindeiro martes terá lugar o Pleno de organización da Deputación. En canto á Xunta de Goberno, estará composta por dez persoas. Carmela Silva será quen presida o órgano e formarán parte do mesmo como vogais, por parte do PSdeG, Carlos López Font, Santos Héctor Rodríguez, Isaura Abelairas, Gorka Gómez, Noemí Outeda, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas, e por parte do BNG, César Mosquera (quen actuará como presidente naquelas ocasións nas que a presidenta se teña que ausentar) e María Ortega.

    En relación ás áreas de goberno, “temos feito un reparto ben pensado, atendendo ademais aos perfís profesionais das deputadas e deputados, que teñen un grande coñecemento das áreas que van desenvolver”, destacou a presidenta. “Trátase dun reparto moi paritario e atendendo aos grandes obxectivos do goberno que son a transición ecolóxica, a igualade e respecto á diversidade, os dereitos da cidadanía e a cultura e o desenvolvemento”.

    Deste xeito, Cooperación Municipal será dirixida por Santos Héctor quen tamén se fará cargo do SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal). Pola súa banda Isaura Abelairas volverá a encargarse de Igualdade e outro dos deputados que repiten mandato, Carlos López Font, será o responsable de Réxime Interior, Economía, Facenda e Novas Tecnoloxías e do ORAL.

    Cultura será dirixida por Vicky Alonso; Deportes por Gorka Gómez; Cohesión Social por Olga García Ballesteros; Turismo e Xuventude por Ana Laura Iglesiase Infraestruturas e Vías provinciais por Gregorio Agís. Pola súa banda o Centro Príncipe Felipe, a Escola de Enfermería e a de Cantería serán responsabilidade de Noemí Outeda; e a Finca de Mouriscade, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e o CAAN de Manuel González. Amais, a deputada Raquel Giráldez encargarse de Promoción Económica e Emprego e Iria Lamas de Proxectos Europeos, Arquitectura e Transición Ecolóxica e Medio Ambiente.

    Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera confirmou que será o encargado do Museo de Pontevedra e do Plan Revitaliza e Uxío Benítez, que tamén repite mandato, levará Mobilidade alternativa e Espazos Públicos así como Cooperación Transfronteiriza e a AECT Río Miño. Amais, a deputada María Remedios Ortegaserá a responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material (etnográfico, arqueolóxico e arquitectónico) e Memoria Histórica, Normalización e Servizos Lingüísticos.

    Ao igual que Carmela Silva, Mosquera amosouse convencido de que se fixo a mellor distribución posible para avanzar os vindeiros catro anos. “A vez pasada logrouse máis do que era previsible e seguro que neste mandato vai suceder o mesmo ou mellor, xa que sabemos que obxectivos e limitacións ten esta casa”, insistindo en que é fundamental poñer obxectivos máis alá das competencias impropias que asume a Deputación, xa que do contrario “sería un desgoberno”. Mosquera asegurou que “impulsar, mover, actualizar, e dar novos obxectivos a calquera área precisa moita enerxía, moito coñecemento, moita dispoñibilidade” e indicou “con toda a seriedade” que “se alguén pensa que nestes momentos o BNG leva pouca cousa, podo dicir que levamos demasiado”. Fixo referencia, así, a áreas como Memoria Histórica ou o Museo, do que dixo “darlle un salto para adiante vai dar ben de traballo e dedicación”.

    Finalmente, o vicepresidente pediu ao Partido Popular que neste mandato “deixe a actitude esquizofrénica e bipolar que tivo a vez pasada”, lembrando que se ben nun principio os ‘populares’ amosaran o seu acordo, de repente, pasado o pleno de organización, e no seguinte pleno montaron “a marimorena sen vir a conto”. “Polo ben do PP e da institución, da que se pode sacar case todo e satisfacer demandas, agardo que cambien a actitude”, subliñou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.