10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva destaca o "traballo excelente" do equipo directivo e persoal do...

    Carmela Silva destaca o “traballo excelente” do equipo directivo e persoal do ‘Príncipe Felipe’

    O 'Príncipe Felipe', que dispón de dúas unidades habilitadas como “minihospitais de día”, reforzou a limpeza diaria, a vixilancia, a área de Enfermería e a compra de material de autoprotección

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presidiu hoxe a quinta xuntanza do Comité de Seguimento do COVID19 no Centro Príncipe Felipe. Despois dunha sesión cunha duración superior ás dúas horas, expresou o seu agradecemento ao “traballo excelente” que está a desempeñar este equipo directivo e todo o persoal. Silva adiantou o seu total apoio para tódalas decisións adoptadas, dende o primeiro momento, e indo sempre un paso por diante de tódalas normativas aprobadas polas Administracións competentes. A presidenta, que anunciou a súa intención de volver incorporarse o próximo mércores ao Comité do Príncipe Felipe, anticipou a súa vontade de participar “en primeira persoa” en tódalas medidas que se sexa necesario acordar nas vindeiras semanas.

    O Comité de Seguimento está formado polo director, Manuel Cendón; a xefa de Xestión, Ana Soto; a médica do centro, Ana Canabal; o director do Centro de Infantil, Emilio López; a directora da Escola Fogar, María Isabel Casal; a directora do Centro Agarimo, Asunción Reboreda e a técnica de Mantemento, Antía Parcero.

    A presidenta da Deputación aplaudiu a absoluta implicación dos responsables do Centro Príncipe Felipe “que comezaron a tomar decisións antes de que houbese ningunha norma reguladora” ata o punto de que xa o pasado xoves, con motivo da orde de suspensión das clases en toda Galicia, adoptaron medidas restritivas ás visitas e tamén acordaron a supresión total antes de que así se incluíse no segundo protocolo ca Consellería de Política Social. “O Príncipe Felipe é para min unha absoluta prioridade, e se vin aquí tranquila, porque teño plena confianza nos profesionais que dirixen este Centro, hoxe marcho moito máis tranquila e coa plena certeza de que ninguén vai relaxarse na nosa obriga, como servizo público, de protección dos menores contra este inimigo invisible”.

    Entre as medidas temperás adoptadas no Príncipe Felipe, Carmela Silva destacou a creación de dous “minihospitais de día” aproveitando o espazo de dúas unidades que, por mor desta crise, están sen utilizar. Estes espazos quedaron pechados, perfectamente desinfectados, e dotados con sete camas cada un por se fosen necesarios para unha primeira atención. Ao mesmo tempo, por iniciativa da responsable médica do centro, creouse tamén unha zona de illamento para realización de probas a posibles casos sospeitosos de COVID19. Decisións que se suman á contratación temporal de dúas persoas para reforzalo servizo de Enfermería e á adquisición precoz de material de autoprotección (máscaras, batas, gafas e hidroxel).

    Ao mesmo tempo, destacouse que o Comité de Seguemento elaborou un protocolo interno e detallado de prevención contra o coronavirus (xuntamos os 4 documentos elaborados) e mantivo xuntanzas en tódolos servizos para dar instrucións persoais para extremalas precaucións.

    Carmela Silva foi tamén informada de que as nenas e nenos do Centro de Día, que xa non están no Centro dende a suspensión efectiva das clases, están a recibir unha monitorización individualizada nos seus domicilios por parte das traballadoras sociais do Príncipe Felipe. Non só se revisa o mantemento da actividade educativa, senón que tamén se está a realizar un reparto de kits de alimentación, con menús elaborados por un equipo de nutricionistas. Ademais, continúa a prescrición e subministro de medicación nos casos necesarios e, finalmente, vaise tamén proporcionar produtos de hixiene persoal. Todo elo tendo moi en conta a vontade de servizo público e atención a estes menores, pertencentes a familias con necesidades especiais. O traballo, ademais, estase a realizar en coordinación cos Servizos Sociais comunitarios dos seus respectivos concellos de orixe.

    O reforzo no servizo de Limpeza, concesionado coa empresa Eulen, mereceu un amplo apartado durante a xuntanza, pois dende o comezo desta crise foi extremado ata o punto de que se realiza unha desinfección diaria de tódolos espazos do Centro, incluso festivos e domingos, e abranguendo tamén os obxectos de uso habitual. O esforzo do persoal deste servizo foi especialmente recoñecido. Outro dos puntos abordados foi o reforzo na Seguridade e Vixilancia do Centro, que ten sido duplicada, tanto para impedir o acceso de persoas non autorizadas, como para evitar o risco de saídas incontroladas dos menores das instalacións.

    O Comité de Seguimento subliñou que, a pesar da extraordinaria situación que se está a vivir, a actividade pedagóxica continúa desenvolvéndose no Príncipe Felipe. As nenas e nenos continúan coa súa actividade educativa, de lecer, de saúde e desenvolvemento persoal coas únicas restricións derivadas da situación de illamento provocada pola pandemia de coronavirus. En todo caso, recalcouse, isto non está a afectar á súa atención educativa e psicosocial.

    Outra cuestión abordada ten que ver coa empresa que está a realizar as obras de acondicionamento do Centro Agarimo (un dos dous centros de menores existentes no recinto), á que se acordou trasladarlle a esixencia de que presente un protocolo por escrito sobre as medidas de prevención que vai adoptar durante a execución destes traballos.

    Finalmente, a presidenta da Deputación trasladou unha mensaxe ao Comité de Seguimento do COVID19 do Príncipe Felipe para que continúe co seu labor exemplar sen deixarse afectar “por algunhas situacións difundidas por Redes Sociais que, como se comprobou inmediatamente, eran “bulos” e exercicios tendenciosos de alarmismo que nada teñen que ver coa realidade”. “Aquí estase a actuar con profesionalidade e mesmo con medidas que non só van máis alá das que nos esixen os protocolos da Xunta, senón que se adoptan con anticipación”, recalcou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.