Domingo, 4 Maio de 2025

Carmela Silva achégase ás “experiencias enriquecedoras” de tres estudantes no estranxeiro do programa ‘Erasmus+Practicum Depo’

“Tu sei molto brava!”, da anécdota italiana da pontevedresa Diana Martínez, á perfecta adaptación a Portugal de Rocío Feliz, pasando polo crecente dominio do inglés de Manuel Ares trala súa estadía en Malta

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou hoxe unha teleconferencia con tres estudantes de Formación Profesional que completan os seus estudos con prácticas no estranxeiro no marco do programa Erasmus+ Practicum Depo impulsado pola Deputación co apoio do Ministerio de Universidades. Silva quixo coñecer de primeira man as experiencias da pontevedresa Diana Martínez, que está en Lecce (Italia); Rocío Feliz, unha dominicana asentada en Vigo e que viaxou ata Braga (Portugal) e Manuel Ares, un mozo de Muxía que estudou en Vigo e vén de regresar da súa estadía en Birgu (Malta).

A charla, na que tamén participou a deputada de Emprego, Raquel Giráldez, serviu para deixar patente a satisfacción persoal e profesional dos tres participantes, que afirmaron estar vivindo “experiencias moi enriquecedoras”. Carmela Silva destacou que todo o relacionado co programa Erasmus é agora moito máis complicado por mor da pandemia da COVID19, pero, aínda así, remarcou a importancia de seguir movéndose por Europa para completar a formación e “mergullarse noutro idioma”. “Gústame moito a xente que se atreve a facer cousas”, afirmou xusto antes de poñer en valor que as e os participantes neste Practicum Depo “sodes xente nova que ides a unha contorna descoñecida”. As/os tres estudantes agradeceron expresamente a Carmela Silva a oportunidade brindada pola Deputación, a presencia nos destinos de persoal supervisor das prácticas e a seguridade que dan as bases do Practicum Depo sobre os labores que deben realizarse durante o período de prácticas.

Durante a charla, que se prolongou durante 45 minutos nun ambiente moi distendido, a presidenta coñeceu detalles sobre o día a día de Diana Martínez Mourinho, que ten 30 anos e reside en Tomeza (Pontevedra) e vén de rematar o ciclo medio en Xestión Administrativa no IES Luis Seoane. Tamén de Rocío Alejandra Feliz Feliz, que ten 23 anos e orixe dominicana. Estudou na Escola de Deseño Atlántico de Vigo o ciclo medio en Procedementos de Xoiería Artística). E, finalmente, de Manuel Ares Cives, con 25 anos, natural de Muxía, rematou no Instituto Marítimo Pesqueiro de Vigo o ciclo medio en Navegación e Pesca de Litoral).

A aprendizaxe do idioma foi un aspecto especialmente valorado. Neste senso Manuel comentou a súa vivencia dende a aterraxe no aeroporto de La Valeta, cunha primeira impresión que o impulsaba a tomar o voo de volta a unha progresiva integración nun ambiente anglofalante, o que lle permitiu pasar dun nivel “A-2 escaso” a un B-1, “case, case B-2”. “Agora síntome maduro falando en inglés”, explicou. Ao mesmo tempo explicou que, trala súa formación académica, relacionada co mundo da pesca, non se decatara das posibilidades empresariais que ten o sector dos iates de recreo “que viamos como cousas de “domingueiros”, e agora teño claro que é un nicho de negocio que pode traerse a Galicia”. Rocío, pola súa banda, indicou que non tiña “nin idea de portugués e aprendín moitísimo en pouco tempo”. Distintas foron as cousas para Diana, quen xa tiña cursado estudos de italiano na Escola de Idiomas en Pontevedra e agora ten a sorte de convivir con catro mozas italianas que tamén aprenden español “así que nos corriximos mutuamente”. A moza pontevedresa falou da súa adaptación ao traballo nunha empresa de Lecce, onde leva mes e medio. Así explicou que ao principio encargáronlle traballos de redacción que non se axustaban exactamente ao perfil dunha xestora administrativa como ela: “o meu son os números”, recalcou. Cousa que tivo ocasión de deixar clara en canto caeu o primeiro cadro económico nas súas mans e decatouse dalgúns erros contables que demostrou, con seguridade, diante do seu responsable directo. “Tu sei molto brava!” (És moi boa), lle dixo. Dende entón realiza funcións máis acaídas.

O programa Practicum Depo ten por obxectivo completar a formación de estudantes graduados/as de Formación Profesional de ciclos medios con prácticas laborais en empresas e institucións europeas, para facilitar a súa inserción laboral. Nestes momentos as mobilidades que están en curso son as do Practicum Depo 2019 no que están a participar 92 estudantes e 10 docentes. Cinco deles atópanse neste intre en Escocia e Portugal (regresan a mediados de xaneiro) e outro grupo de 14 está a realizar a súa estancia en Italia, Portugal e Irlanda (vén de comezar a súa estancia). A última mobilidade do programa (a sexta) comezará en xaneiro.

A Deputación está tramitando o Practicum Depo 2020, cun orzamento de 734.027 €. Arrancará en 2021 e fará posibles 96 mobilidades de alumnado en países da Unión Europea (Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Grecia, Finlandia e Países Baixos). Tamén 11 mobilidades de formación de persoal docente. O programa, que comezou no ano 2015, permitiu xa a realización de preto de 420 mobilidades de alumnado e de 20 de persoal docente. O investimento acumulado nesta iniciativa alcanza xa preto de cinco millóns de euros, dos que 820.105€ foron fondos propios da Deputación e os restantes, 4.174.403, achegados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) do Ministerio de Industria.