Domingo, 11 Maio de 2025

Carlos Font, “a mentira compulsiva é o sinal de identidade do Grupo Popular na Deputación”

O deputado provincial foi tallante: “É unha absoluta falacia. Menten sobre as dedicacións e menten sobre os soldos”

O deputado provincial Carlos Font lamentou hoxe que o Grupo provincial do PP se dedique “ao exercicio da mentira compulsiva que xa é o seu sinal de identidade, co que agora pretenden enganar e confundir á opinión pública cando falan das dedicacións e dos salarios da corporación provincial”. O deputado foi tallante e mostrou a súa indignación. “É unha absoluta falacia e non o imos consentir. É tráxico que un partido condenado por corrupción, con ducias de dirixentes que roubaron a mans cheas, pretenda dar leccións de nada. O seu si que é unha indignidade”

Font recordou que na corporación provincial hai unicamente 2 dedicacións exclusivas e 14 dedicacións parciais ”entre as que se atopan as 4 das deputadas e deputados do Partido Popular”. O deputado, que lembrou que estas dedicacións foron aprobadas polo pleno de organización da Deputación “co voto a favor do PP”, engadiu que “o que non hai con este goberno son cartos de libre disposición que si existían cando gobernaba Louzán, cartos cos que costeaban ceas e eventos de índole semellante”

“Non saben nin ler un orzamento, non traballan e son dunha ignorancia supina. Os seus salarios si que lle saen caros a esta provincia”

Font tamén se referiu á pretendida suba salarial da que “con tan pouca vergoña fala o PP”. “Volven mentir e con todo descaro e mostran unha ignorancia supina“. O deputado explicou que a suba dos salarios é do 0,9%, que foi a que aprobou o goberno de España para funcionarios e funcionarias públicas e asimilados/as. “Son tan ignorantes, dixo, que nin sequera saben que os salarios non se poden subir máis do que aproba o goberno do Estado”. “Amais, engadiu, como non len, non traballan e non estudian pois non se decatan de nada”. Carlos Font recordou que en 2020 o goberno de España aprobou unha suba salarial do 2% que non se contemplou no orzamento inicial da Deputación, “polo que se fixo unha modificación posterior para implementar os recursos necesarios”. “E o PP, demostrando a súa ignorancia, o que fai é unha comparativa de costes salariais deste ano con xaneiro de 2020, en vez de facela unha vez aprobada a modificación”. “Non saben nin ler un orzamento, dixo o deputado, os seus soldos si que lle saen carísimos a esta provincia”. Así que, concluiu Font, “menten coas dedicacións exclusivas e menten coa suba salarial. A diferencia de gastos de persoal da corporación para deputadas e deputados só sube 19.494 euros”.

O deputado tamén lamentou que o PP non fale por exemplo da redución do coste do Gabinete de Presidencia, que baixa un 3%. “Diso non din nada, ironizou, non vaia a ser que a comparativa cos seus gobernos non lles saia moi favorable”. Font rematou dicindo que “sabíamos que a aparencia de oposición responsable duraría o que un caramelo ás portas dun colexio. Sempre volven ás súas esencias que é encher todo de lixo e ruído. Nese debate, concluiu, non nos van a atopar”.