Durante esta fin de semana terá lugar o “#SocialHack”, o primeiro Hackathon online de innovación, un reto tecnolóxico para o terceiro sector que lanza a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme. En total, danse cita virtualmente neste reto tecnolóxico máis de 30 persoas procedentes de Galicia, Madrid, Andalucía e Cataluña, que concursarán desenvolvendo as solucións tecnolóxicas máis innovadoras para facilitar a xestión das entidades sociais xa que, como sinalou a condutora do acto, Adriana Muñoz, de minube,“os momentos que vivimos están a demostrar que son clave e que sen elas non haberá crecemento intelixente. Temos que axudar a quen axuda”. O luns coñeceranse xa os proxectos gañadores deste orixinal reto de innovación que promove a Deputación e que arrancou esta tarde coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, e da deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías.
“Queremos impulsar a innovación e o talento tamén nas entidades do terceiro sector”, asegurou a presidenta no acto de apertura do #SocialHack, “e para elo imos valorar as propostas máis orixinais e creativas, as más innovadoras, inclusivas, que fomenten a igualdade e teñan vínculo coa provincia de Pontevedra”. Carmela Silva puxo en valor as ideas, “que son as que cambian o mundo”, e animou ás e aos socialhackers a desenvolver propostas que axuden a mellorar coas TIC a xestión da comunicación entre a comunidade e as entidades sociais, así como a acadar maior eficiencia na captación de persoas e fondos para estes colectivos”. A presidenta puxo en valor ao terceiro sector ”que ten que xogar un papel moi importante porque os seus valores están ligados á inclusión, á igualdade e a economía circular, que xa é a economía do presente”

“
Carmela Silva: “O terceiro sector ten que xogar un papel moi importante porque os seus valores están ligados á inclusión, á igualdade e a economía circular, que xa é a economía do presente”
Na elección dos proxectos gañadores tamén se valorará o grao de desenvolvemento das propostas, o seu deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final. As mellores solucións, que se coñecerán o luns, recibirán un primeiro premio de 2.000 €, un segundo premio de 1.000 € e un terceiro de 500 €.
Aínda que non é a primeira vez que a institución provincial lanza un hackathon, xa que o primeiro tivo lugar en 2019 sobre turismo, si é o primeiro que se centra no terceiro sector e que se celebra online. Amais, ao celebrarse de xeito telemático, ampliouse a participación a persoas de todo o territorio español, ben sexan estudantes ou profesionais de áreas como o desenvolvemento de apps, deseño gráfico, terceiro sector ou da súa área de negocio. Así, máis de trinta persoas procedentes de Barcelona, Cerdanyola, A Coruña, A Guarda, Madrid, Oia, Pontevedra, Santiago, Torremolinos, Verín e Vigo competirán esta fin de semana en liña en grupos multidisciplinares, de entre tres e cinco persoas, para desenvolver a solución tecnolóxica máis innovadora para revolucionar as entidades do terceiro sector. Contarán para elo co apoio dun equipo de persoal experto en tecnoloxía e desenvolvemento de apps que irá resolvendo as dúbidas que vaian xurdindo durante o reto.

O “#SocialHack” enmárcase na programación impulsada por SmartPeme no marco da súa carteira de servizos para o terceiro sector, lanzada en xullo de 2020.O obxectivo desta nova carteira é prestar formación e asesoramento tecnolóxico a estas entidades, fundamentais no desenvolvemento da provincia, para mellorar a súa eficiencia e capacidade de comunicación. Con “SmartPeme Terceiro Sector” a Deputación está xa a ofrecer asesoramento a través dunha diagnose inicial, na que se determina o grao de madurez tecnolóxica das entidades para ofrecerlles produtos e solucións TIC adaptadas. Tamén está achegando formación sobre ferramentas de xestión, redes sociais, ciberseguridade, imaxe dixital, innovación, ou dixitalización e comunicación, e pon á súa disposición o Centro Provincial de Economía Dixital. Deste xeito, ao longo destes seis meses de funcionamento de “SmartPeme Terceiro Sector” realizáronse xa 14 asesoramentos a 7 entidades de Pontevedra, Vigo, O Porriño e Lalín.