12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAdxudicadas as cinco primeiras parcelas de solo empresarial da Plisan

    Adxudicadas as cinco primeiras parcelas de solo empresarial da Plisan

    A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron esta mañá o acto de formalización do contrato coas tres empresas beneficiarias

    O asentamento das primeiras empresas na Plataforma Loxística e Empresarial de Salvaterra-As Neves está xa un pouco máis cerca. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron esta mañá en Vigo o acto de sinatura da adxudicación de cinco parcelas na Plisan, as primeiras que se asignan dentro desta gran área empresarial.

    Dos case 69.000 metros cadrados adxudicados hoxe, preto de 63.000, correspondentes a tres parcelas distintas, foron asignados á conserveira Hijos de Carlos Albo; outros 3.325 metros correspondéronlle á empresa Vallejo Low Cost; e os 2.570 restantes, ao Grupo Tecnológico Arbinova. En todos os casos, a superficie foi adxudicada en dereito de superficie, unha modalidade que lle permite aos beneficiarios acceder a solo empresarial pagando cada ano unha pequena cantidade e lles facilita así o financiamento do proceso de instalación e inicio da actividade.

    O dereito de superficie concédese por un período inicial de 30 anos, aínda que pode estenderse ata un máximo de 60 mediante sucesivas prórrogas. Durante a súa vixencia, as empresas terán que abonar un canon anual equivalente ao 1,5 por cento do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, do 2,5 por cento no terceiro e cuarto anos e do 3,5 por certo do prezo a partir da quinta anualidade. Outra das vantaxes para as empresas que acceden a unha parcela en dereito de superficie é que, se o desexan, tamén poden adquirir a súa propiedade, aínda que o prezo de venda variará dependendo do momento en que se faga a adquisición.

    Coa formalización destas adxudicacións, como lembrou a conselleira Ángeles Vázquez, dáselle un pulo definitivo á Plisan, un proxecto empresarial estratéxico para o sur da comunidade que continúa avanzando co fin de “facer crecer o emprego e a industria galega” arredor da cidade de Vigo. Nesta liña, subliñou a gran oportunidade que supón esta nova plataforma empresarial para o conxunto de Galicia e por iso insistiu en que a Xunta seguirá traballando arreo, como fixo ata o de agora, para que se poida iniciar canto antes o asentamento empresarial nesta zona.

    Así, lembrou que nestes momentos a Xunta está executando na Plisan as obras de urbanización da primeira fase da zona Loxístico Empresarial (LE), da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da estación de tratamento de auga potable (ETAP) e acaban de licitarse as obras de urbanización da segunda fase da LE, na que, precisamente, se emprazan parte das parcelas adxudicadas.

    Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou que a Plisan está chamada a convertese no maior parque empresarial do noroeste peninsular, o que permitirá garantir a competitividade do tecido empresarial galego. Así, será un reclamo para atraer grandes proxectos empresariais xa que as adxudicacións representan, nestes momentos, o 20% da superficie total dispoñible.

    Entre as empresas que se instalarán, puxo como exemplo a aposta de Albo –un referente na industria conserveira, propiedade da chinesa Shangai Kaichuang– que investirá 25 millóns de euros nas súas instalacións na Plisan permitindo reforzar os lazos comerciais de China e Galicia.

    Conde tamén se referiu á Lei de implantación empresarial, impulsada pola Xunta, que está permitindo a chegada de novas empresas grazas ás facilidades que ofrece para acceder ao solo empresarial, pero tamén para axilizar a tramitación e obter bonificacións fiscais. Neste sentido, avogou pola colaboración municipal sumándose á iniciativa dos Concellos Emprendedores.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.