Sábado, 3 Maio de 2025

ADEGA aposta “Por un Nadal máis verde”

ADEGA achega unha serie de consellos para que este Nadal sexa máis ecolóxico que nunca, por iso, publican un manual “Por un Nadal máis verde” de Fogares Verdes, onde veñen todos os consellos ampliados. Pódense consultar en http://www.adega.gal/media/documentos/0nadalverde.pdf

As principais recomendacións que dan son as seguintes:

  • Pregúntate se realmente o consumo que vas facer é importante, se o precisas ou satisfará algunha necesidade real, ou se pola contra só estás sendo unha vítima das festas.
  • Infórmate sobre as repercusións ambientais e sociais dos produtos que vas mercar.
  • Pescuda se tes alternativas ecolóxicas, de comercio xusto ou artesanais na túa localidade.
  • Pensa na calidade dos produtos: que sexan máis baratos pode supoñerche un aforro a curto prazo, pero tamén pode implicar explotación laboral, contaminación, enfermidades, etc. no proceso de elaboración. Inviste en benestar e en calidade antes
    que en cantidade.
  • Evita produtos e agasallos superfluos, trangalladas envolvidas nun papel bonito, que simplemente resolven o trámite de cumprir co agasallado.

Tamén se indican unha serie de actuacións:

  • Planifica a compra e calcula ben a comida que vas precisar. Se tes algunha sobra conxélaa e aprovéitaa para outra ocasión.
  • Tenta consumir produtos da localidade, frescos e de tempada, e, a poder ser, gastronomía tradicional: contribuirás a manter o medio e tamén a túa cultura.
  • Foxe de cultivos tropicais insustentables como os langostinos ou os ananás: os primeiros críanse en granxas que están a devorar os manglesais (ecosistemas de grande valor); as segundas proceden de monocultivos que aos poucos anos deixan a terra estéril.
  • Para os alimentos que non teñen produción local, opta polos de comercio xusto: cacao, especias, café, etc.
  • Aproveita estas datas e fai as túas propias comidas: recupera as receitas da avoa, experimenta con novos sabores…
  • Evita os produtos excesivamente envasados e que veñan de lonxe: evitarás residuos e emisións de CO2.