Coa publicación das bases na páxina web da Academia Galega do Audiovisual, –que se poden consultar nesta ligazón–, ábriuse o prazo de presentación de traballos para os ‘Premios María Luz Morales’ de Ensaio sobre audiovisual, certame que busca recoñecer a figura da escritora e xornalista María Luz Morales Godoy e promover a investigación científica no ámbito audiovisual e que, nesta edición, terán como sede a Deputación de Pontevedra.
O premio foi presentado ó abeiro da feira Culturgal no que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a importancia deste certame: “Tomamos agora o relevo destes premios que manifestan a grande revolución audiovisual que vive Galicia, con proxectos que están a recibir recoñecemento nacional e internacional”. Desta forma, os premios María Luz Morales naceron no ano 2017 e están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas.
Máis polo miúdo, os ensaios presentados ó certame poderán ser de dúas modalidades, ensaio escrito e videoensaio, e cada unha destas modalidades terá dúas categorías, unha que abarca calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra na que se recollerán ensaios que estean relacionados especificamente co audiovisual galego. O premio para cada unha das catro categorías será de 1.200 euros e un trofeo conmemorativo. Ademais, os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega do Audiovisual, tanto en texto como en vídeo. Os traballos deberán entregarse por correo electrónico no enderezo [email protected] antes do 3 de maio do 2020.
A entrega de premios, na que se anunciarán os traballos gañadores, será acollida pola Deputación de Pontevedra en xuño de 2020. Deste modo, con este certame preténdese recoñecer a labor de María Luz Morales, que foi, tal e como explicou Silva, “pioneira do xornalismo cultural no século XX que en 1924 se fai cargo da crítica cinematográfica co pseudónimo masculino de Felipe Centeno, nome dun personaxe de Benito Pérez Galdós, porque daquela as mulleres tiñamos que asinar con nomes de homes”.
María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980) foi unha escritora e xornalista especializada na crítica de cinema e de teatro. Dirixiu o xornal ‘La Vanguardia’ durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller á actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.