Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta incrementa nun 33% a oferta formativa en prevención de riscos laborais polo que cualificará este ano a 1.100 traballadores

Impartirase formación xeral básica e específica para actividades de tempo libre

A Consellería de Emprego e Igualdade inicia hoxe, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dous cursos de formación sobre prevención de riscos laborais dirixidos a 400 alumnos e alumnas, dúas accións que forman parte do Plan anual de actividades do Issga. Dunha banda, 300 persoas recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 5 de maio, data na que se realizará unha proba final; e, por outro lado, impartirase para 100 alumnos e alumnas un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, que finalizará o 6 de maio.

O Issga este ano, en total, ofrece 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos. Na web do Issga, issga.xunta.gal, pódese consultar toda a información destes cursos.

A Xunta, a través dos dous cursos que comezan hoxe e do resto que se porán en marcha ao longo deste ano, promoverá comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomentará o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenderán a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Desenvolven o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

O Instituto desenvolve, ademais, outras campañas e actividades que pretenden inculcar a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.