Martes, 10 Decembro de 2024

A web da Deputación, a máis accesible das administracións locais do Estado

O goberno de Carmela Silva impulsou recentemente melloras para dotar de maior accesibilidade a www.depo.gal, converténdoo nun portal máis perceptible

O esforzo impulsado polo goberno de Carmela Silva na Deputación de Pontevedra para dotar de ferramentas de accesibilidade á web www.depo.gal está a dar os seus froitos. Deste xeito, o último estudo elaborado polo Observatorio de Accesibilidade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública sitúa á web da institución provincial, cunha valoración de 9,98, como a máis accesible das administracións locais do estado.

A Deputación de Pontevedra impulsou recentemente unha adecuación do seu portal web para adaptalo aos postulados do Real Decreto 1112/2018 polo que se regula a accesibilidade dos sitios web do sector público. Deste xeito, o goberno provincial apostou por reconfigurar www.depo.gal para convertelo nun portal máis perceptible e comprensible, facilitando que as páxinas web sexan utilizables polo maior número de persoas posible, independentemente dos seus coñecementos, capacidades persoais e características técnicas dos equipos empregados para acceder a Internet. Así, nestes momentos o portal www.depo.gal está facultado para poder ser consultado en lectores de pantalla que empreguen persoas con limitacións visuais, ademais de ofrecer unha versión de alto contraste e tamaños de textos acordes cunha recepción óptima e a posibilidade de desactivar os estilos que dificulten a percepción dos contidos.

O estudo impulsado polo Observatorio de Accesibilidade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública analizou en total 199 entidades públicas da administracións local e 49 deputacións provinciais. Máis polo miúdo, o estudo analiza 33 páxinas aleatorias por cada un dos portais co obxectivo de determinar se existen barreiras que dificulten o seu acceso, dando prioridade a aqueles portais que facilitan o acceso a persoas maiores ou con algún tipo de problema visual, auditivo ou cognitivo.