As deportistas e técnicas da selección nacional feminina de loitas olímpicas das categorías absoluta, sub 2 e junior foron acollidas esta mañá por Carmela Silva, que se amosou “orgullosísima do deporte da provincia e, particularmente, das mulleres, que son as que nos están a dar os maiores éxitos na provincia, en Galicia, no Estado e na Unión Europea”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo fincapé na maior dificultade que teñen as mulleres no deporte e, como consecuencia, no maior esforzo que teñen que facer, para instar ás rapazas da selección a sentirse orgullosas, “porque sodes unha grande referencia e exemplo para outras nenas e mozas que queiran practicar o deporte. É unha marabilla ter mulleres tan potentes na provincia”.
Pola súa banda, Aurora Fajardo (seleccionadora nacional feminina absoluta) agradeceulle ao ente provincial o apoio e a boa benvida que lle brinda sempre e ás deportistas o seu esforzo continuo.
Amais, en representación de todas as súas compañeiras, a 18 veces campioa en España en todas as categorías de idade, Lydia Pérez, subliñou a importancia das axudas DepoDan, que “constitúen unha parte moi importante cara a nosa preparación a diferentes eventos”.