9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA exposición Novos Valores 2021 abre as súas portas no Museo de...

    A exposición Novos Valores 2021 abre as súas portas no Museo de Pontevedra

    A mostra estará aberta ata o 12 de setembro no Edificio Sarmiento con obras de Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo

    A exposición ‘Novos Valores 2021. Obra seleccionada’ está aberta dende hoxe no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coas 14 mellores pezas escollidas polo xurado profesional desta edición. A mostra, que estará aberta ata o 12 de setembro e inclúe as obras dos gañadores das bolsas Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo, érguese como unha testemuña da evolución da arte galega e do apoio da institución provincial a novas e novos creadores. 

    O director do Museo Xosé Manuel Rey parabenizou as e os seleccionados, especialmente aos merecedores das bolsas, e desexou que a participación na mostra e a bolsa de formación do Museo supoñan un importante impulso na súa formación e especialización.

    Lembrou que igual ca eles, dende o ano 1864 o Museo leva asignando pensións a figuras como Sobrino, Souto, Maside, Colmeiro, Laxeiro ata outros máis recentes como Lamazares, Matamoro ou Antón Patiño, “e tantas e tantos artistas con que dende hoxe compartides o privilexio de formar parte desta mostra”. Dende o Museo, dixo, “hai unha tradición de apoio secular á creatividade que desenvocou no actual certame de Novos Valores, que constitúe unha testemuña da evolución da arte galega ao longo dos anos”.

    Fotografía de Rafa Estévez ©

    O certame de Novos Valores, hai que lembrar, iniciou unha nova fase na pasada edición, na que se reduciu a idade para participar ata os 35 anos co fin de potenciar o compoñente de apoio á formación das e dos novos artistas. Neste ano, as pezas premiadas foron elixidas por unanimidade e segundo manifestou o xurado tras a selección, estas presentaron “cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática”.

    A e os artistas bolsados, pola súa parte, agradeceron ao Museo, á Deputación e ao xurado o recoñecemento ao seu traballo. Rebeca Lar destacou que “é importante que as institucións apoien a nosa creación, a creación moza, porque en moitas ocasións sen ese apoio non poderiamos seguir creando. Estou moi contenta. Teño moitísimas ganas de investir a bolsa en máis proxectos”. Daniel Cerecedo manifestou o seu agradecemento tamén pola colaboración recibida para facer o proxecto e Diego del Río subliñou que ‘Novos Valores’ supón unha grande oportunidade e recoñecemento “que abrirá moitas portas” ademais da bolsa “que me axudará a realizar a miña tese e continuar co traballo”. Adrián Solleiro transmitiu o seu agradecemento a través da súa familia.

    Artistas, obra, bolsa

    A pintura ‘Sen título (sobre paseos e arrepentimentos) de Rebeca López Villar (Vigo)  reflexiona sobre a paisaxe e aborda tres cuestións: os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico. O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica, e garda relación coas investigacións de memoria histórica que realiza a autora. “E é aí precisamente onde se mesturan os dous focos da pintura: xa que a memoria histórica é un terreo pantanoso, non exento de polémicas de diferentes dimensións (mesmo cando se abordan desde a práctica artística), quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo”, explica.

    En canto ao destino da bolsa de 7.500 euros concedida polo Museo, a intención da autora é continuar a formación artística vencellada coa xestión e a redacción cultural a través da realización dalgún mestrado, con opcións entre a ‘Valoración, xestión e protección do patrimonio cultural’ (UVigo), o Xornalismo Multimedia (Valencia), ‘Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento (USC), ou a Especialidade: Arte e Debuxo do Máster Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas (UVigo).

    A escultura ‘Reflexión’ de Adrián Solleiro González (Tui) é unha peza figurativa modelada cuxa imaxe que ‘xoga’ cun espello. “Motivado pola ilusión óptica que xera ver o molde dun rostro (dependendo da luz, tes a sensación de estar a ver a faciana en positivo), decidín facer esta muller mirándose no espello, e este devolvéndolle a imaxe do seu rostro dado a volta. O espectador, pola cercanía da figura ao espello, só pode ver o rostro no reflexo e, axudado pola pintura, pode chegar a percibir esa sensación estraña de dubidar se está en positivo ou en negativo, como se tratase dun holograma”, abonda o autor.

    Os 7.500 euros da bolsa serviranlle a este creador para continuar co proxecto iniciado coa obra gañadora, e tamén para formarse grazas a cursos sobre anatomía aplicada á escultura, pintura con aerógrafo, procesos técnicos da escultura ou incluso sobre electrónica e robótica, cuestión que considera interesante para incorporar ás súas pezas.

    Diego del Río Comesaña (Ferrol) conseguiu a bolsa de Novos Valores grazas á obra ‘Ras al Habout II’, unha continuación da peza presentada na edición de 2019. Trátase dunha serie de 21 cadros de 50×25 de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio. O autor busca con ela indagar na experiencia da viaxe do artista “como acto de resistencia ante o novo individualismo”. “Nivel Ao  Hanout II supón outro intento de traducir a termos artísticos as experiencias persoais que tiven nas miñas viaxes, unha tarefa imposible pero obsesiva. A luz  cegadora que se reflicte nas paredes gastadas das construcións en ruínas pertence á imaxe que me formei das cidades e os pobos que visitei en Marrocos. Así mesmo, é o resultado dunha viaxe interior cuxo escenario é outro e sitúase na confrontación diaria coa  Collezione Bandullo, coa obra de Sexan  Scully, durante a miña estancia en  Varese. Aquí conflúen dous das viaxes máis importantes da miña vida ata o momento”, apunta.

    En canto á bolsa, destinaraa a realizar máis viaxes como experiencia artística, a unha estancia de investigación na Academia di Belle Arti di Brera (Milán) a finais deste ano, a unha residencia artística no Shangyuan Art Museum de Pekin durante tres meses aínda por determinar, e tamén a unha na Residencia Corazón de Bos Aires -este verán-.

    Finalmente, Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal) conseguiu tamén unha bolsa grazas á obra ‘Picasso y Richter (después de)’. A súa orixe está no relato da competición artística contada por Plinio o Vello na que se enfrontaban Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso co propósito de determinar cal era o mellor pintor do momento. O gañador do premio Novos Valores propón simular un concurso similar de maneira ficticia e actualizada, no que se propón o reto de realizar obras baseadas en Picaso e Richter sen empregar pintura (a través da tecnoloxía) e enfrontar aos dous artistas a unha imaxe xerada íntegramente coa computadora (un código QR)  con información virtual á que as persoas observadoras poderían chegar mediante a súa lectura cun móbil. Segundo explica, “a nosa atracción polo que está oculto e o noso afán por saber farán que ‘fagamos enter’”, sen embargo esa acción non producirá ningún resultado mais que demostrar a victoria da obra ‘dixital’ a través dun engano do intelecto. O destino da súa bolsa será realizar un curso de pintura con Jaime  Valero e formalizar a matrícula no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea (na Facultade de Belas Artes de Pontevedra), así como custear os gastos derivados destes estudos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.