11.8 C
Pontevedra
Mércores, 1 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA exposición das 'Nadaliñas' de Figueira Valverde arranca a celebración das festas...

    A exposición das ‘Nadaliñas’ de Figueira Valverde arranca a celebración das festas no Museo

    A exposición coincide coa incorporación da palabra ‘nadaliña’ no diccionario da RAG

    Nadais enviados a Filgueira Valverde por parte de persoeiros de diferentes ámbitos da cultura de todo o país, artistas ou intelectuais como Maruja Mallo, Lugrís, Seoane, Colmeiro, Díaz Pardo, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Dalí, ou Mingote, son algúns dos que se poden atopar na mostra ‘Nadais. Colección Filgueira Valverde’ que permanecerá aberta ata o 24 de xaneiro no Museo de Pontevedra.

    Segundo explicou o director do Museo Xosé Manuel Rey no acto de apertura, “cando se programou esta mostra resultaba imposible imaxinar todo o que ía acontecer, que teríamos unha vida sen relacións, un Nadal sen familia e amigos… Por iso, nesta distopía na que nos atopamos adquire máis sentido esta exposición coa que rememoramos antigas costumes que, aínda que mudaron co tempo pasando do papel ao formato dixital, da postal ao WhatsApp, mantéñense vivas hoxe en día”.

    Os máis de 80 nadais que se poden ver na sala do Sexto Edificio “son testemuñas dunha vida que esperamos retomar o antes posible, repleta de afectos, esperanzas, e bos desexos” e son tan só unha escolma dos case 9.000 que conforman a colección privada de nadaliñas que reuniu ao longo da súa vida unha personalidade tan ligada ao Museo como é Filgueira Valverde. “Son postais que constitúen pequenas xoias, xa que moitas delas conteñen debuxos, textos ou poemas orixinais que permiten rememorar pequenos fragmentos de vida”, subliñou. 

    Esta exposición, destacou Rey, coincide tamén cun “feliz” acontecemento: ‘Nadaliña’, unha palabra que Filgueira Valverde empregou de xeito sistemático, e que creceu de maneira espontánea, forma xa parte do galego correcto, pois hai uns días o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou introducila no seu dicionario como substantivo feminino e con dous valores: como “canto de Nadal, e como felicitación ou mensaxe de afecto que nas proximidades do Nadal se manda por correo postal ou electrónico, con texto, imaxes e, por veces, con música”.

    Rey aproveitou a súa intervención para agradecerlle á comisaria da exposición, Sabela Santos Filgueira, neta de Filgueira Valverde e traballadora do Museo “o seu interese para que esta exposición vise a luz. O seu magnífico traballo engade carga emotiva a esta mostra que esperamos axude a normalizar este Nadal atípico”.

    Sabela Santos, pola súa parte, agradeceu o traballo realizado pola equipa de persoal do Museo de Pontevedra. Destacou que o periplo de poñer en marcha a exposición comezou hai preto dun ano cando a súa tía lle cedeu a colección de nadais: “Non sabía que facer con ela e cando falei co director do Museo a idea estivo clara: unha exposición”.

    Santos Filgueira destacou que os máis de 9.000 nadais ou nadaliñas recibidas polo seu avó “demostran o afecto que había a Filgueira Valverde”, subliñando a constancia nos envíos dalgúns persoeiros como Isaac Díaz Pardo, con máis de 30 anos consecutivos de postais. Por outra parte, a comisaria tamén agradeceu a colaboración de Xesús Ferro Ruibal, Xesús Alonso Montero e Juan Manuel Monterroso, pola súa participación no catálogo da mostra, facendo das postais unha análise digna dun xénero artístico propio. Para pechar o evento, Santos Filgueira utilizou as verbas que o propio Filgueira Valverde utilizaba para felicitar as festas “Nadal saudoso e que veña mellor 2021”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.