Ao abeiro do Día Mundial do Alzheimer, a Deputación de Pontevedra súmase este sábado ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade á enfermidade neurodexenerativa que, segundo datos da Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), afecta a máis de 20.000 persoas tan só na provincia de Pontevedra e a un total de 70.500 en toda Galicia.
Para a institución é fundamental sumarse a estas iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, sensibilizar á sociedade sobre doenzas coma o Alzheimer e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias, posto que se trata dun mal que afecta de xeito significativo tamén ós achegados do doente.
Deste xeito, segundo o informe ‘Impacto Social de la enfermedad de Alzheimer y otras demencias’, publicado en setembro de 2017, cada ano se detectan uns 750 novos casos na provincia, sendo a maioría deles de persoas que teñen máis de 60 anos.
A Deputación mantén un total compromiso na loita contra as enfermidades neurodexenerativas en xeral e co Alzheimer de xeito específico desenvolvendo propostas que favorecen o envellecemento activo, como Depo en Marcha.
Así mesmo, a institución provincial colabora con organizacións como a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer y otras demencias de Pontevedra (AFAPO), co proxecto ‘Terapias no farmacológicas en pacientes con demencia’, ou coa Asociación de Familiares de Personas Enfermas de Alzheimer del Morrazo (AFAMO), para levar a cabo un proxecto de atención integral dedicado a xente que padece esta doenza.
Con todo, o Alzheimer é a máis común das doenzas neurodexenerativas, representando un 70% de todos os casos. Ademais, a demencia afecta a 50 millóns de persoas no mundo, aínda que cada ano son rexistrados en torno a 10 millóns de novos casos. Galicia é unha das rexións máis afectadas polo Alzheimer de toda a Unión Europea por efecto do alto índice de avellentamento da súa poboación, feito que pode implicar unha elevación da súa incidencia posto que a idade é o maior factor de risco á hora de padecelo.