Amosar a riqueza da tradición da cestería de madeira rachada e evitar que se perda este patrimonio material e inmaterial galego. Estes son os dous grandes obxectivos da exposición ‘Tecendo a natureza’, organizada pola Deputación de Pontevedra e que desde hoxe ata o día 29 de febreiro se poderá visitar no vestíbulo do Pazo Provincial. Con esta mostra, a institución provincial tenta poñer en valor esta artesanía a través das obras do último mestre cesteiro galego nesta modalidade, Enrique Táboas.
Deste xeito, a presidenta da institución, Carmela Silva, destacou na inauguración desta mostra o “saber facer” de Enrique Táboas, fillo e neto de cesteiros, nunha arte “tan marabillosa como é a cestería tradicional feita en madeira”. Pero ao mesmo tempo lanzou un berro de auxilio para evitar que se perda este oficio.
”Non podemos perder estas tradicións –subliñou–. Resúltame duro pensar que cando falamos de Enrique falamos do ultimo cesteiro de madeira. Polo tanto, esta exposición, que vai percorrer os concellos da provincia, non soamente vai a ser unha mostra dese bo facer, senón tamén unha chamada de alerta a todos os concellos e a outras administracións que teñen que traballar para que non se perda este patrimonio inmaterial. Porque hai competencias en patrimonio histórico e non se pode consentir esta desaparición”.

Neste senso, apuntou que a Deputación abordará de xeito inmediato a posta en marcha de actividades de formación “para ver se somos capaces na provincia de Pontevedra de xerar cursos que permitan transmitir estes coñecementos e que non se perdan”. Este é tamén o obxectivo do propio Enrique Táboas, que pola súa banda agradeceu á Deputación a oportunidade de expoñer “o que aprendín coa miña familia” e remitiuse á chamada tamén realizada pola comisaria da mostra, Fátima Cobo, para conservar este legado cultural a través da formación. Así, Cobo destacou que nesta mostra, “o invisible, o patrimonio inmaterial oculto en cada peza, é aínda máis importante que o visible”. “Este patrimonio inmaterial que atesoura Enrique é realmente o obxecto desta exposición –afirmou–. Se non lle poñemos remedio, cando el se xubile seguiremos tendo estas cestas, pero teremos perdida a capacidade de crear outras”.
O propio Táboas guiou aos primeiros e primeiras visitantes, un grupo de escolares do CEIP A Xunqueira, por esta exposición, que reúne dez fotografías antigas acompañadas de textos e 17 pezas orixinais, tradicionais e non tradicionais, elaboradas por este mestre cesteiro, que permiten facer un percorrido por esta artesanía e os seus usos. Acompáñaa un vídeo no que se pode observar o proceso de creación destas obras e unha ‘mesa de traballo’, na que se poderán tocar e contemplar diferentes ferramentas deste oficio e observar unha peza en distintas fases de construción.
Accesibilidade
Ao igual que o resto das exposicións que organiza a Deputación, “Tecendo a natureza” é unha mostra accesible, como destacou tamén Carmela Silva. “Todas as nosas exposicións –indicou– teñen que ser accesibles, para que todas as persoas poidan ter os mesmos dereitos ao coñecemento e ao desfrute. E polo tanto todas teñen que estar escritas en braille, e amais tamén coa súa explicación na linguaxe de signos”. No caso concreto desta mostra, as pezas de cestería exhíbense sobre peañas baixas e sen urna para que sexa posible tocalas e estes soportes están pintados dunha cor coral intensa para que ás persoas con visión reducida non lles supoña un problema moverse entre elas. No caso das persoas cegas, poderán visitar a exposición cun monitor da ONCE e as cartelas están transcritas a braille. Precisamente, o director do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia, José Angel Abraldes, felicitou no acto de inauguración á Deputación por engadir ás exposicións “un novo termo, accesibilidade”.

E en consonancia co compromiso da Deputación cos 17 ODS da Axenda 2030 en todas as súas áreas, a exposición cumpre varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Así, Silva citou que da resposta ao primeiro destes ODS, poñerlle fin á pobreza en todas as súas formas, “porque a ONU sostén que a pobreza cultural é unha forma de pobreza e se perdemos as nosas tradicións, empobrecémonos culturalmente, algo que non podemos consentir”. Tamén ao segundo, promover a agricultura sostible, “porque a creación e o sostemento de bosques de castiñeiros, e en xeral de árbores autóctonas, están intimamente ligados con estas profesións e cumpririamos este obxectivo se conseguimos manter esta artesanía”.
Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas, o obxectivo 4, está tamén relacionado coa promoción deste oficio, “porque hai que transmitir esta aprendizaxe e facer accesible todo o que facemos”. E ao número 13, adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos, dáse resposta “co emprego na nosa vida diaria de obxectos de proximidade, duradeiros, sostibles, reciclables e biodegradables, algo que é imprescindible para afrontar o cambio climático e está clarísimo que a cestería de madeira cumpre con estes obxectivos”.