15.5 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación rende homenaxe aos traballadores da institución que se xubilaron este...

    A Deputación rende homenaxe aos traballadores da institución que se xubilaron este ano

    A presidenta provincial aseguroulles que “esta sempre será a vosa casa” e desexoulles o mellor nesta nova etapa das súas vidas

    O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra viviu unha xornada de afectos e emocións na tradicional homenaxe ás persoas traballadoras que cada ano acadan a xubilación así como na entrega de premios do II Concurso de Decoración e Mensaxes “Espírito de Nadal” no que participaron máis dunha vintena de servizos da institución e que gañou o Centro Agarimo de Príncipe Felipe. O acto, que estivo amenizado por panxoliñas cantadas en directo e a capella por Cherry Sweet, tivo como un dos grandes protagonistas ao “gran” Brais, un dos rapaces de Agarimo que encandeou ao Salón e foi o encargado de pechar o evento: “facíame moita ilusión estar aquí”.

    O acto comezou coa homenaxe ás 21 persoas que se xubilaban este ano ás que a institución  agradeceu a dedicación, o traballo e o esforzo que todas elas e eles entregaron durante tantos anos á veciñanza da provincia. Durante a cerimonia, na que se puido ver máis dunha lágrima saltando dos ollos das e dos asistentes, a presidenta provincial, Carmela Silva, amosouse moi emocionada e asegurou que “nunca é unha despedida, senón un recoñecemento e un agradecemento”.

    Foi a presidenta quen se encargou de entregar a cada unha das persoas xubiladas unha insignia de ouro que simboliza o recoñecemento que a institución provincial lle rende a todas elas e eles. Para recollelas achegáronse ao escenario situado no Salón de Plenos mentres se proxectaba un vídeo con fotografías delas e deles. Carmela Silva deixou claro que “todas e todos van a estar con nós, porque co seu traballo escribiron unha parte da historia da Deputación de Pontevedra e agora só nos queda desexarlles que desfruten moito da vida”. A presidenta provincial quixo lembrarlles que “esta sempre será a vosa casa, porque vos fostes poñendo pedras para construíla e- pediulles- non deixedes de vir a visitarnos para que poidamos seguir desfrutando da vosa presenza”. Tamén tivo palabras para o conxunto do persoal, ao que está “inmensamente agradecida porque traballamos ben e facemos as cousas ben”. Un traballo do que Carmela Silva presumiu “xa que teño o privilexio de presidir a deputación co mellor funcionariado de todo o planeta”.

    Este ano xubiláronse Amanda Saburido, Fernando Luis Lubiáns, María del Carme Abelleira, María Luisa Miguez, Carmen Iglesias, Hortensia Barreiro, Pilar García García e María Beatriz Aresti, do Centro Príncipe Felipe, Manuel Fernández, Francisco Mouco e Jose Vilariño, de Mobilidade, Jose Ignacio Rivas e Francisco Montes, do ORAL, Ramón Villanueva, da Finca Mouriscade, María del Carmen Núñez, de Intervención, Francisco Antonio Lago, do servizo de Comunicación Institucional, Jaime Rodríguez, de Infraestruturas e vías provinciais, Jose Luis Lago, de Medio Ambiente,  Celia Soto, de Servizos Lingüísticos, e Antonio de la Peña Santos, do Museo Provincial. A presidenta provincial trasladoulles os seus “mellores desexos para o 2022” e pediulle ao público que aplaudira “a rabiar, coma se non houbera un mañá, porque merecen ese aplauso”.

    Carmela Silva tamén se lembrou de xeito especial de Eduardo Calles, traballador do servizo de secretaria xeral e falecido este ano. Foron a súa irmá e o seu irmán quen recolleron a insignia que recoñece o traballo de Eduardo. A presidenta dirixiuse á súa familia para asegurarlles que o seu paso pola Deputación deixou “ledicia e calor coas cousas que fixo, tanto a nivel profesional como persoal. Sabede que todas e todos nós sentímonos moi orgullosos do seu traballo”.

    II Premios Espírito do Nadal

    O acto estivo marcado polo espírito de Nadal xa que nel tamén se deron a coñecer os servizos da Deputación que gañaron os premios que convoca a institución provincial para animar aos seus traballadores e traballadoras a mergullarse de cheo nestas festas. Nos premios galardoouse a imaxinación, a orixinalidade e o talento tanto na creación de frases motivadoras como na decoración. As e os seus gañadores desfrutarán dunha ruta guiada polos castelos e pazos da provincia que incluirá unha cata de produtos locais.

    O gañador dos “II premios de Decoración de Nadal”, no que participaron traballadoras e traballadores de 22 servizos amosando o seu compromiso coa sostibilidade con ideas do máis orixinais, foi o Centro Agarimo de Príncipe Felipe, unha instalación que foi decorada inspirándose en “Charlie e la Fábrica de Chocolate” con motivos como unha aldeiña de nadal ou unha cheminea de para os agasallos. O servizo de Coordinación do ORAL alzouse co segundo premio cunha decoración moi completa na que non faltaron os bonecos de neve, os renos ou os calendarios de advento. Ademais, este servizo recadou doazóns para unha ONG. O terceiro premio recaeu no servizo de Medio Ambiente, onde unha zorra feita con materiais reciclados fixo voar a imaxinación das e dos traballadores provinciais.

    En canto ao “I concurso Os Mellores Desexos” o servizo de Intervención alzouse co primeiro premio cun texto cargado de optimismo e co que animan a celebrar o Nadal e a vida. O segundo premio foi para a Finca Mouriscade por “Bo Nadal, pensamos como protóns”. Pola súa banda, o Parque de Maquinaria fíxose co terceiro desexando “meter o espírito de Nadal en botes e abrir un cada mes do ano”.

    Carmela Silva despediu o acto xunto ao “gran Brais”, o rapaz do Centro Agarimo que onte amosoulle o seu desexo á presidenta de estar nesta gala. A presidenta provincial resaltou a “decoración extraordinaria e espectacular” do Príncipe Felipe e púxose moi contenta ao amosar unha postal que lle fixeron chegar dende o centro e que recibiu “como o mellor regalo de Nadal. Nada me fai máis ilusión que esta postal”. Carmela Silva aproveitou a ocasión para lembrar que as nenas e os nenos teñen que ser “o noso primeiro compromiso” e tamén recordou que elas e eles foron protagonistas no acendido “o que vai significar que para o ano que vén nos vai a ir moi ben”.

    Brais, que durante a visita que a presidenta fixo onte ao centro do Príncipe Felipe xa amosou o seu presentimento de que Agarimo ía gañar o concurso de decoración, agradeceu o poder estar neste acto, “facíame moita ilusión”, e desexou un feliz Nadal e aninovo a todas as persoas presentes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.