11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación redobra o seu impulso a SmartPeme con novos servizos e...

    A Deputación redobra o seu impulso a SmartPeme con novos servizos e recursos

    O proxecto contará con novas carteiras e liñas de acción específicas na administración electrónica, ciberseguridade, transición ecolóxica, igualdade e emprendemento

    A Deputación de Pontevedra redobra o seu impulso a SmartPeme, o programa provincial de asesoramento e formación en novas tecnoloxías para persoas autónomas, emprendedoras e pemes, coa creación de novas carteiras de servizos para facer fronte aos novos desafíos e retos que xorden en ámbitos como a administración electrónica, a ciberseguridade, o emprendemento, a transición ecolóxica e a igualdade. A institución ven de aprobar o expediente para o novo contrato deste servizo, cun orzamento de licitación de 1,7 millóns de euros, e que contempla a súa ampliación, como destacou hoxe a presidenta provincial Carmela Silva, a fin de acadar “unha nova SmartPeme”, que poida facer fronte “as novas transformacións”,  impulsando esta rede TIC que desde o 2016 tense convertido nunha “referencia para todo o tecido empresarial da provincia e de Galicia”.

    “Seguramente –subliñou a presidenta provincial- é a rede máis potente de TIC que hai en toda Galicia por parte dunha administración”, como amosan os 11.603 asesoramentos realizados, as 1.740 empresas atendidas ou os case 2.000 talleres de formación con preto de 17.500 persoas asistentes. Tamén se puxeron en marcha aceleradoras de comercio e turismo e impulsouse a promoción do Terceiro Sector. “Esta rede, que abarca todo o que é a economía da provincia, permitiu que se puideran transformar moitas das pemes, e que as persoas autónomas tiveran a formación e asesoramento para poder competir nun mundo que xa é TIC –explicou Carmela Silva-. Amais, é unha gran rede que chega a todos os  lugares da provincia, co que as persoas empresarias de calquera sitio teñen un lugar próximo onde poder recibir asesoramento e ter a formación máis avanzada”.

    A aposta polo programa potenciarase con novas liñas de actuación “para seguir a mellorar a introdución das TIC nesa estrutura tan potente que son as pemes e para favorecer o emprendemento”. Deste xeito, o novo contrato de SmartPeme, que se prevé que entre en vigor en febreiro, sumará ás actuais carteiras de servizo, TIC, TurisTIC (enfocada ás empresas turísticas), SmartPeme Impulsa (para fomentar o crecemento empresarial e a internacionalización) ou o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), especializado en tecnoloxía disruptiva e innovadora, outras cinco novas accións. A primeira delas, enfocada á administración electrónica, prevé axudar ás pemes e persoas autónomas a adaptarse aos servizos dixitais das administracións: “Somos moi conscientes –afirmou Carmela Silva- que  unha vez que as entidades locais da provincia teñen administración electrónica grazas a que a implantou  e que a mantén esta Deputación, hai que crear a relación entre as empresas e o mundo local para que o sector coñeza como funciona, de xeito que se poida facilitar esa relación, que moitas veces é bastante complexa”.

    Outra das carteiras será a de ciberseguridade , “un dos grandes retos que temos por diante”, destinada a reforzar a capacitación e sensibilización das empresas para previr, detectar e defenderse ante as ciberamenazas. Así mesmo, haberá unha nova liña a facilitar toda a información ás persoas sobre o emprendemento, tanto na creación do negocio como a viabilidade económico-financieira, moi aliñada coas accións do coworking dos viveiros.

    Outro dos novos servizos xirará en torno á transición ecolóxica, centrado na economía circular vinculada á  sostibilidade e aos ODS “para axudar ás persoas usuarias a alcanzar desde o local os obxectivos prioritarios da Comisión Europea que non só están presentes nos fondos Next Generation, senón tamén nos fondos europeos 21-27”. A presidenta provincial destacou neste senso que a Deputación está a falar cos ministerios implicados no fomento das TIC para que a rede SmartPeme “forme parte  dese gran proxecto que se vai crear no conxunto do país”. “E imos formar nestas cuestións para ter unha provincia preparada para facer fronte a estas novas transformacións que amais van ter recursos por parte diferentes administracións”, apuntou a presidenta, que destacou tamén que a Deputación está a falar cos ministerios implicados no fomento das TIC para que a rede SmartPeme “forme parte  dese gran proxecto que se vai crear no conxunto do país”.

    Finalmente no marco da nova carteira de Igualdade, promoverase o asesoramento para a creación de plans de igualdade, o impulso de accións de igualdade nas pemes, e potenciar el liderado feminino con accións específicas para emprendedoras e profesionais. “Precisamos –engadiu a presidenta- que as empresas pequenas, medianas, grandes e as persoas autónomas teñan esa visión de integrar a metade do mundo que somos as mulleres”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.