O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra é xa, como destacou hoxe Carmela Silva, “unha referencia a nivel do Estado en benestar animal, que é a súa sinal de identidade”. A presidenta provincial visitou hoxe o centro para coñecer o novo equipo de radiodiagnóstico veterinario “moi moderno e sostible” co que a institución acaba de dotar ao centro, que se converte, como subliñou a presidenta, “no único que ten un equipamento tan avanzado”. Carmela Silva amosou, xunto ao persoal do centro encabezado polo veterinario xefe, José Luis Pedreira, e o deputado provincial Manuel González, os novos equipos cos que se axilizará e mellorará amplamente o diagnóstico e os tratamentos dos animais do CAAN.
A dotación destes equipos dixitais suporá, como explicou a presidenta, “que o diagnóstico sexa máis acertado e tamén un maior benestar animal, xa que os animais non terán que saír do centro para facer as radiografías noutros lugares, senón que en breve tempo podemos conseguir toda a información que nos permita realizar os tratamentos necesarios aos cans e cadelas que aquí temos”. Carmela Silva incidiu na sustentabilidade do equipamento, que reduce os residuos contaminantes, e salientou que, máis alá de continuar sendo un centro de referencia, “o máis importante é que os animais aquí acollidos estean nas mellores condicións; creo que é unha obriga e nós temos un forte compromiso neste aspecto”. No mesmo senso pronunciouse José Luis Pedreira, que destacou que o equipo dixital “permite complementar en calidade o diagnóstico en imaxe”. Hai que lembrar que nas obras de mellora que realizou o pasado ano a Deputación incluíse a reforma da sala de clínica, coa creación dun novo quirófano e unha sala de raios X que é a que agora se completa cos novos equipos.

Excepcional ritmo de adopcións
Carmela Silva destacou na súa visita o traballo “e compromiso” que está a realizar o persoal do CAAN e que avalan tamén “as boas novas” sobre adopcións que leva o centro de novo este ano. Así, desde xaneiro e ata o 23 de maio saíron cara a un novo fogar 285 cans e cadelas, unha cifra “espectacular” que supón máis do dobre que as do mesmo período do 2020 (133) e tendo en conta que precisamente o pasado ano se acadou o récord de adopcións no centro, con 583.
Das 285 adopcións deste 2021, 1 foi en Portugal e o resto en España. A maioría foron en Galicia (243), e Castela e León (28) e o resto repartíronse entre as comunidades de Madrid (5), Cataluña (3), País Vasco (1) e Castela a Mancha (1). Das galegas, 208 tramitáronse na provincia de Pontevedra, 19 en Lugo, 10 na Coruña e 6 en Ourense. Ata agora o concello con máis adopcións na provincia foi Vigo (44), seguido de Pontevedra (24) e A Estrada (22). Outros municipios cun gran número de adopcións foron Meis (13), Poio (10), Vilagarcía (9) ou Sanxenxo (8).
[su_image_carousel source=”media: 37780,37779,37778,37777,37776″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
Potenciar a adopción dos ‘avós e avoas’
A pesar dos magníficos datos, hai no centro varios animais que, pola súa idade, teñen a priori menos posibilidades de adopción. Deste xeito, Carmela Silva fixo un chamamento para acadar o reto de dar saída a cadelas como Macarena, de 8 anos de idade e de raza mastín que chegou de Pontecesures en marzo cun corte moi grande na cara do que está recuperada e coa que compartiu a súa comparecencia; Adia, unha pastora alemá da mesma idade que tamén está no centro desde hai uns meses, procedente das Neves ou o can Pitu, de 10 anos, chegou de Catoira. Ao igual que Paradita, de 8 anos e recollida en Meaño, todos e todas teñen moi bo carácter e esperan ter a mesma sorte que outros avós e avoas do CAAN que si teñen atopado un novo fogar, como Lora e Parada, de 12 e 9 anos respectivamente, que levaban no centro desde abril e esta semana saíron cara a Pontevedra. Hai que lembrar tamén que o pasado 2020 saíron en adopción tamén animais que estiveran moito tempo nas instalacións, como Apro, que pasara seis anos; Coqui e Nikita”, que estiveran catro, ou Marce, que pasou tres. Na actualidade, o que máis tempo leva é Posto, un cruce de pitbull de tres anos que leva desde o 2018 no centro, tras ser recollido en Redondela.
“Nós pretendemos –indicou Carmela Silva– que os animais estean aquí o tempo imprescindible, que todas e todos teñan un fogar. Sentímonos moi satisfeitas e satisfeitos de que estes animais haxan conseguido un novo fogar e a xente que os adoptou ten moito mérito. Agora espero que en pouco tempo poidamos subir un chío dicindo que estes avós e avoas foron adoptados”.
A loita contra o abandono
A presidenta provincial sinalou que “a outra cara da moeda está nas recollidas”. E aínda que a tendencia é descendente -ata o 23 de maio lévanse 426, 13 menos que o ano pasado neste mesmo período- seguen a producirse, lamentou, “situacións lamentables e teño que denuncialo porque hai que crear conciencia na sociedade”, especialmente no que se refire ao abandono de cachorros. A presidenta citou por exemplo o caso dos catro (Kira, Coco, Leo e Edy) que foron arroxados esta mesma semana con tan só un día de idade a unha vía do tren en Silleda, que están a recuperarse e a ser aleitados por unha nai adoptiva, Santa, rescatada en Vilaboa, que amais destes catro está a alimentar tamén aos seus tres cachorros nados estes días, Lolo, Kis e Vic.
Aínda así, como destacou, esa tendencia á baixa nótase nos datos dos últimos anos. En todo o 2020 houbo 1.144 recollidas, unha cifra que no 2019 fora de 1.332 e no 2018, de 1.788. E outro dos aspectos nos que incidiu foi o da redución do tempo de estancia dos animais que saen adoptados, que neste 2021 está a ser dunha media de 86,8 días fronte aos 123,8 días do 2020. “A conclusión –engadiu– é máis adopcións, menos abandonos e redución do tempo de estancia. E fago de novo un chamamento: non abandonen animais, é unha mala praxe como xénero humano. E veñan ao CAAN e adopten. E temos un reto como provincia, temos que adoptar a estes cans e cadelas que son máis maiores ou levan moito tempo aquí. Aínda que teñan o mellor trato, están mellor nun fogar”.
Hai que lembrar que as adopcións no CAAN son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados. O persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.