A Deputación de Pontevedra non quere que a provincia quede atrás na carreira que xa ten comezado para captar fondos estatais e europeos para o desenvolvemento do “turismo do futuro”. Despois de aprobar o pasado mes de agosto o Plan de Sostibilidade para o xeodestino Rías Baixas, dá agora un novo paso para sumar ao interior da provincia ao cambio de paradigma que está a vivir o turismo. O deputado de Réxime Interior e Novas Tecnoloxías, Carlos Font, e a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, presentaron hoxe aos concellos das comarcas do Condado-A Paradanta e Deza-Tabeirós-Terra de Montes unha novidosa iniciativa para desenvolver Plans de Sostibilidade Turística nestas dúas áreas.
A Deputación pon a súa experiencia de xestión a disposición dos concellos destas comarcas do interior provincial para acadar un financiamento trianual que estaría en torno aos tres millóns de euros en cada un dos dous Plans de Sostibilidade previstos e permitiría, ademais, dotalos de ferramentas para afrontar os retos do rural, como a despoboación, a fenda dixital e a competitividade no novo marco de economía circular, mobilidade sostible e desenvolvemento inclusivo derivado da Axenda 2030.
A través de dúas xuntanzas telemáticas celebradas esta mañá presentouse a idea aos alcaldes, alcaldesas e concelleiros/as e anuncióuselles que xa se está a traballar na elaboración dun diagnóstico participativo multinivel (políticos/as, técnicos/as municipais, sector turístico local e cidadanía) para detectar as potencialidades e necesidades en cada municipio. A continuación redactaranse as memorias coas que se concorrerá á convocatoria que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo abrirá o próximo mes de xaneiro. Os tres millóns de euros con que está dotado cada Plan de Sostibilidade (45% a cargo do Ministerio, un 45% da Xunta de Galicia e un 10% da Deputación, polo que o custo para os concellos é cero) ten un prazo de tres anos para desenvolver os plans aprobados (2021-2024). Ana Laura Iglesias explicou que o Ministerio decidirá e tanto se aproba os plans, un deles ou ningún, a Deputación quedará mellor posicionada para concorrer a próximas convocatorias deste programa, así como a convocatorias doutros programas relacionados co turismo e dotados con fondos europeos.
A proposta, que foi moi favorablemente acollida e mesmo cualificada como “unha idea excelente” por varios dos concellos participantes nas xuntanzas, parte da base de que nas comarcas do Condado-Paradanta e do Deza-Tabeirós-Terra de Montes hai abundancia de recursos, pero falta estruturalos en produtos turísticos “empaquetables” e que poidan chegar con claridade aos consumidores de turismo que buscan alternativas ao turismo tradicional. Deste xeito quedaron informados os concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, As Neves, Covelo e Arbo, por unha banda, e Lalín, A Estrada, Forcarei, rodeiro, Silleda, Agolada, Dozón e Vila de Cruces, pola outra.

Ana Laura Iglesias destacou que a Deputación é consciente das dificultades que os concellos terían para tramitar e conseguir Plans de Sostibilidade e, por iso, a Deputación decidiu dar o paso de ofrecer a súa axuda nun marco de cogobernanza. “A unión fai a forza e pensamos que é o momento de, aproveitando o traballo que xa feito dende os xeodestinos cunha perspectiva máis local, darlle a isto unha proxección estratéxica con visión provincial e apostando, decididamente polo rural”.
A deputada destacou especialmente que os Plans de Sostibilidade no Destino Turístico están aliñados cos ODS, por tanto, coas políticas públicas que impulsa a Deputación de Pontevedra dende hai tres anos. Deste xeito, resultarán financiables os proxectos de iniciativa pública que cumpran cos criterios da Axenda 2030. Durante as dúas xuntanzas explicouse polo miúdo que hai “unha ventá de oportunidade” cos fondos de reactivación da Unión Europea e toca adaptarse para non perdela e consolidar un novo modelo que aposte por captar visitantes tanto nos mercados próximos como nos especializados. En palabras de Ana Laura Iglesias, “o turismo do futuro é o turismo sostible, ou sexa aquel que consigue achegar as actividades dos visitantes ás da poboación local, fuxindo da cousificación e da masificación”. Un turismo coa saúde, a sostibilidade e a “estratexia verde” como eixes condutores. As actividades agropecuarias e o seu vínculo coa gastronomía local, a paisaxe e os costumes son valores que suman.
Os Plans de Sostibilidade Turística en Destino poden dirixirse a destinos maduros (como o xeodestino Rías Baixas) ou destinos emerxentes, como é o caso desta última iniciativa impulsada pola Deputación para as comarcas do Condado-Paradanta e Deza-Tabeirós-Terra de Montes. O programa, adscrito ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, está dirixido a concellos, mancomunidades e deputacións provinciais e supón unha poderosa ferramenta que permite a consolidación dos destinos achegando o financiamento necesario para aqueles proxectos públicos enmarcados nos principios da Axenda 2030. Neste ano 2020 téñense aprobado 25 Plans de Sostibilidade de Destinos Turísticos.