18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación promociona a música e tradición da provincia cunha edición especial...

    A Deputación promociona a música e tradición da provincia cunha edición especial de ‘Peixe’ de Xisco Feijóo que entragará como agasallo institucional

    Carmela Silva: “Que mellor que entregarlle o noso corazón, a nosa cultura e o que somos a quen nos visita, nun formato extraordinario, unha lata de conservas que reflexa a nosa tradición económica”

    A Deputación de Pontevedra promoverá a música e o canto tradicional da provincia de Pontevedra coa entrega como regalo institucional dunha edición especial do disco Peixe, o primeiro traballo en solitario do cantante, bailador e coreógrafo Xisco Feijoó. A presidenta Carmela Silva e o artista presentaron no Pazo Provincial o agasallo musical, que ten un orixinal formato moi vencellado á provincia de Pontevedra. “Que mellor que entregarlle a quen nos visita o noso corazón, a nosa cultura, o que somos , nun formato extraordinario, metido nunha lata de conservas, que é tamén a nosa tradición económica”, explicou a presidenta.

    Carmela Silva subliñou que “falar de Xisco Feijoó é falar da nosa cultura elevada á máxima calidade: é un dos grandes da música tradicional, e traballou cos e coas máis grandes”. A presidenta destacou que ao longo de toda a súa traxectoria o cantante e investigador do patrimonio oral e musical galego “percorreu aldeas recuperando as nosas tradicións para que non se perda o que somos e queremos seguir sendo”, e engadiu que “Peixe é un marabilloso traballo que a Deputación quixo ter como regalo institucional do 2021”. Neste sentido apuntou que “moita xente vai ter a Galicia na súa casa dentro dunha lata de conservas e coa mellor música” e xa anunciou que no encontro que manterán en setembro os presidentes e presidentas das Deputacións de toda España agasallaraos coa edición especial do disco.

    O traballo, lanzado en xullo, inclúe dez pezas entre temas tradicionais adaptados por Feijoó e composicións propias, ademais do videoclip da canción que da nome ao disco. “Hai música e vídeos marabillosos que impactan, moven e fante posicionarte. É a tradición traída ao século XXI con valores que Xisco defende, os principios que nos fan humanas e humanos con ese poder que ten a música de manter aquilo que nos fai únicas e únicos”, subliñou Carmela Silva.

    Homenaxe ás mulleres

    A máxima responsable provincial tamén recoñeceu a Xisco Feijoó pola homenaxe que rende ás mulleres no disco como grandes conservadoras da tradición oral e musical de Galicia. “Se a nosa tradición se mantén é grazas a que a transmitiron as nosas tataravoas, avoas e nais, e hoxe é a voz das mulleres a que mantén vivas esas tradicións. En Peixe está reflectido o que as mulleres somos”, eloxiou.

    Pola súa banda, o artista explicou que o disco “foi un esforzo e un soño que representou moitas vivencias e recordos durante moitísimos anos polas aldeas”. Feijoó explicou que o formato “representa esa lata na que todo é perdurable, a perdurabilidade das nosas tradicións e dun sistema económico que fixo levantar toda a nosa costa, que é tan noso, con tantas mulleres traballando nas conserveiras e tantas mans no salitre”. O cantante e bailador, que interpretou unha peza tradicional a capella durante a presentación do agasallo, declarouse “emocionado por que a Deputación teña escollido Peixe como regalo institucional”.

    Peixe, resultado do traballo de recuperación que fixo Feijoó durante máis de tres décadas, é un disco de música tradicional creado desde unha óptica contemporánea. O artista contou coa colaboración de integrantes de Tanxugueiras (Aida Tarrío), SonDeSeu (Alba Faro), e O Fiadeiro (Diego Calviño, Diego Cabaleiro e Iván Blanco). Tamén participa Rodrígo Romaní, fundador de Milladoiro, director da ETRAD e de SonDeSeu; Alasdair Fraser, compositor responsable entre outras da banda sonora O último mohicano e Piratas do Caribe; ou Natalie Haas, mestra de cello na Berkeley School of Music). Completan as colaboracións Úrsula Rial (ETRAD) e Pepe Vaamonde (Pepe Vaamonde Grupo).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.