17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación, primeira interlocutora para amosar as oportunidades do plan 'España Hub...

    A Deputación, primeira interlocutora para amosar as oportunidades do plan ‘España Hub Audiovisual’ aos concellos

    Carmela Silva: “É unha oportunidade única que non imos a perder para a provincia; queremos que as accións do plan cheguen aos concellos e ao sector para usar o potentísimo elemento de creación de riqueza e atracción turística do audiovisual”

    Como “un luxo” definiu hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a celebración o vindeiro martes 30 no Pazo Provincial do Foro no que se amosarán por primeira vez en Galicia as potencialidades que vai supoñer o plan estatal ‘España Hub Audiovisual’, tanto para os e as profesionais do sector como para os concellos da provincia.

    A Deputación convértese polo tanto en interlocutora directa da Spain Film Commission para poñer enriba da mesa o investimento sen precedentes que suporá este programa do goberno de España, que prevé destinar 9,6 millóns en Galicia, e para amosar aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, as posibilidades de desenvolvemento económico e turístico que abre esta iniciativa. O citado Foro reunirá a recoñecidos e recoñecidas expertas para debater sobre os retos do plan e nel a Deputación presentará amais aos concellos as ferramentas específicas coas que quere favorecer a celebración de rodaxes nos seus territorios.

    Carmela Silva incidiu hoxe en que o plan ‘España Hub Audiovisual’ é “unha oportunidade que Galicia non pode perder e que dende logo non vai perder a Deputación”, xa que ten como finalidade converter ao país “nun espazo moi potente do audiovisual ao impulsar coa toda a cadea de valor da industria audiovisual mediante o fomento da produción a nivel nacional, captación de investimentos e o fortalecemento das empresas do sector mellorando a súa competitividade, todo iso baseado na dixitalización e no apoio ao talento, así como na redución da fenda de xénero”. “Queremos que a nosa provincia –destacou- forme parte deste proxecto tan relevante”.

    Da man da Spain Film Commission e do Cluster Audiovisual Galego, a institución acollerá esta xornada, titulada O audiovisual e a reactivación. Oportunidades para o sector e para os concellos, que ten un dobre obxectivo: Dunha banda, dar a coñecer ao sector audiovisual e ás administracións locais as oportunidades do plan, que amais dos 9,6 millóns de investimento para Galicia entre 2021 e 2023 contempla outros 5 millóns xestionados pola Spain Film Commision para impulsar o territorio como destino da produción audiovisual e favorecer así “a recuperación do sector” e a estabilización de profesionais.

    Tamén se quere facilitar aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, as ferramentas necesarias para a xestión administrativa relacionada coa realización de rodaxes no seu territorio, “porque certamente hai moitas produtoras moi interesadas na nosa provincia e os concellos teñen que estar preparados para que cando unha queira vir a gravar teña todo o que precisa para poñelo en marcha e facilitalo”. “Que o procedemento administrativo –insistiu– non sexa un impedimento para que poidamos ser un plató de cinema. Por iso imos ofrecer aos concellos, e sobre todo aos pequenos porque teñen máis dificultades, estes instrumentos para que faciliten todo o que ten que facer un concello para facilitar as produtoras as gravacións de series ou filmes”.

    “É importante –engadiu– que tanto o sector como administración pública saiban a que se van dedicar estes fondos. Nós queremos abrir oportunidades para a provincia e non podemos perder esta. E apostamos porque esta provincia sexa plató de cinema, polo que hai que dar a coñecer as oportunidades, algo que para nosa sorpresa non se está a facer e o vai facer a Deputación. Queremos que as diferentes actuacións do plan cheguen á provincia e ao sector en toda Galicia para usar este potentísimo elemento de creación de actividade económica, de riqueza e de atracción turística que ten o audiovisual” . Carmela Silva lembrou neste senso que a provincia conta “cunha costa e un interior que son máxicos e que son grandes escenarios de cinema, polo que queremos darnos a coñecer e que a provincia estea preparada para non poñer dificultades a estas oportunidades”. “A Deputación segue a ser unha referencia en intentar situar á provincia nas posibilidades do século XXI”.

    A xornada incluirá dúas mesas redondas “ coa xente mais potente do noso país en todo o que ten que ver coa produción do audiovisual vinculado ao territorio e o turismo”. Está aberta ao público en xeral, pero especialmente dirixida ás e aos profesionais do sector e aos concellos. Terá formato mixto (presencial e streaming) e para asistir as persoas interesadas deberán realizar unha reserva enviando un correo ao enderezo protocolo@depo.es.

    Programa

    Os presidentes da Spain Film Commission Carlos Rosado, e do Cluster Audiovisual Galego, Jorge Algora, serán os encargados o martes 30 ás 1o horas de abrir a xornada, cuxa primeira mesa redonda abordará de seguido as oportunidades e retos que supón este plan para o sector. Nela intervirá de novo Carlos Rosado, persoa de recoñecida traxectoria tanto en España como Estados Unidos e América Latina, xunto á produtora galega Emma Lustres, muller referente no audiovisual galego e español, que abordarán “todas as oportunidades que as propias produtoras saben que ten o audiovisual como un elemento de atracción”.

    A segunda das mesas tratará sobre Turismo audiovisual a debate e nela abordarase o poder do audiovisual para atraer persoas ao territorio. Contará con Nacho Varela, vocal de internacional do Cluster Audiovisual Galego; Teresa Azcona, Vicepresidenta da Spain Film Commission e responsable da Zaragoza Film Office; Juan Manuel Guimeráns, coordinador da Valladolid Film Commission e Chelo Loureiro, directora e produtora amais de vogal de CIMA. A mesa estará moderada por Iñaki Gaztelumendi, consultor de turismo de recoñecida experiencia.

    A xornada concluirá coa presentación das Melloras para a produción audiovisual nos pequenos concellos por parte da presidenta da Deputación na que se porán a disposición dos concellos “aqueles instrumentos que lles faciliten acoller rodaxes na nosa provincia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.