10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación presenta este xoves unha banda deseñada para “descubrir e apaixonarse”...

    A Deputación presenta este xoves unha banda deseñada para “descubrir e apaixonarse” coa biografía de Delgado Gurriarán

    A Deputación de Pontevedra, a través dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica, presentará este xoves unha banda deseñada (BD) que pretende que a mocidade e o público xeral “descubra e se apaixone” coa biografía de Florencio Delgado Gurriarán, o autor protagonista das Letras Galegas 2022. A estrea da publicación realizarase no acto central que terá lugar este xoves ás 19 horas no Pazo Provincial en Pontevedra, onde tamén se desenvolverá unha mesa redonda sobre ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’ con Ricardo Gurriarán, Miro Villar, Tamara Andrés e a interpretación de poemas musicados do autor a cargo de Sheila Patricia.

    A BD, que se repartirá de balde entre as persoas asistentes, foi realizada de maneira coral por alumnado e persoal da escola ‘O Garaxe Hermético’. Foi coordinada por Kiko Dasilva, con Fernando Llor no guión, Fernando Iglesias na rotulación de textos, e Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez nas ilustracións.

    Segundo explica o coordinador Kiko Dasilva, trátase dun libro diferente “que vai chamar a atención” porque fai protagonista do libro autobiográfico á xente moza. De feito, a historia da BD é a de tres rapazas que teñen que afrontar a encarga da súa mestra de realizar un traballo sobre Florencio Delgado Gurriarán. “Primeiro están perdidas e aburridas, dicindo ‘outra vez un traballo de Lingua Galega para as Letras Galegas’, pero despois descobren e apaixónanse sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán¸ descubrindo unha persoa comprometida coa terra e que incluso participou nas guerrillas, un poeta e un loitador antifascista comprometido coa República e co galeguismo”, afirma Dasilva.

    A obra está destinada principalmente á rapazada e ao público adulto, non tanto ás crianzas, posto que inclúe escenas “duras” da Guerra Civil “aínda que contadas con elegancia e poética para non ferir sensibilidades”, subliña o coordinador, que explica que a historia está narrada en varios tempos, o presente (das rapazas), e o pasado, con varios saltos temporais para falar da vida do autor que inclúen tratamentos gráficos diferentes.

    “É un ‘traballazo’ feito en tempo récord e cunha grande calidade, posible grazas á multiplicidade de autores e autoras que están entrenados a facer unha BD deste estilo e que saben como funciona”, subliñou Dasilva.

    A presentación da BD inclúese no acto central das Letras Galegas deste xoves 12, ás 19 horas no Pazo Provincial de Pontevedra baixo o título ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’. Será unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, cunha exposición baixo o título “Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas”; o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar coa intervención “O macrotexto poético de Florencio Delgado Gurriarán”; e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés, que falará “Do xardín alleo: Florencio Delgado Gurriarán desde o prisma da tradución”. Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.

    Para asistir ao acto deste xoves 12 está aberta inscrición de público na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar cabida.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.