11.8 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación presenta a programación do 8M "máis potente dos últimos anos"...

    A Deputación presenta a programación do 8M “máis potente dos últimos anos” centrada na recuperación da axenda feminista

    A reivindicación en todos os eidos da axenda feminista busca devolver os seus obxectivos ao centro da acción política, social e cultural

    Coa posta en escena da acción poética ‘Palabras como gacelas’ de Miriam Ferradáns e co obxectivo “irrenunciable” de volver poñer no centro do discurso político a desaparecida axenda feminista, a Deputación de Pontevedra presentou hoxe a súa programación para o 8 de Marzo, a “máis potente dos últimos anos”. Actos reivindicativos, mesas redondas, charlas, obradoiros, manifestacións artísticas e iniciativas en redes desenvolveranse durante todo o mes de marzo co lema da ‘Reivindicación da Nosa Axenda’. Abarcará todos os ámbitos: a pegada das mulleres, a arte, o xornalismo, a política, a ciencia, a historia, a música, o deporte, a cultura, a escrita, o cinema e o testemuño das expertas. As mulleres, como dixo a presidenta, Carmela Silva, “están no centro de todo” e estas múltiples actividades responden ao feito de que este ano non haberá grandes manifestacións, “pero organizamos unha programación moi potente de reclamación de igualdade de dereitos das mulleres, da súa axenda”.

    A presidenta provincial subliñou que o eixo central será a reivindicación dunha axenda feminista “que volva a estar no centro da acción política, social e cultural”. Unha axenda que, como dixo, “reclama e di claramente que somos unha administración en contra de todas as violencias machistas, que loita e vai estar posicionada sempre para que a prostitución deixe de existir, porque somos abolicionistas; e porque se produza a corresponsabilidade nos coidados. Esa mesma axenda, continuou, inclúe a oposición frontal aos ventres de alugueiro, “as mulleres non somos vasillas e nos posicionamos en contra de empresas que teñen grandes beneficios a conta de nós”, así como a esixencia para que se erradique a hipersexualización e cousificación dos corpos das nenas e mulleres.

    Carmela Silva: “Este non é un proxecto da Deputación, é un proxecto das mulleres que estamos aquí en pé de igualdade”.

    Tamén a denuncia das “precariedades laborais das mulleres”. “Estamos fartas de que a pobreza se escriba con nome de muller, de ter salarios e pensións peores que os homes –sentenciou–. Esiximos o 50 % de todo, do poder político, cultural, nas empresas, nos medios, na xudicatura, no lexislativo e executivo. Somos a metade do mundo e queremos visibilizar as achegas das mulleres, porque estamos fartas dos silencios e de que nos libros de texto non aparezan as mulleres da cultura, as expertas, as matemáticas. Fartas de que se nos negue e silencie”. E dentro da axenda reclamou tamén a educación en igualdade como eixo transversal, “que a metade no mundo estea na metade de todo”.

    Actos centrais do 8M en Pontevedra e Vigo

    Toda a programación é produto, como destacou Carmela Silva, “da colaboración, da suma de vontades para rachar coa desigualdade, e da sororidade de moitas mulleres, que unen a súa voz e o seu compromiso a prol da igualdade” e arrancarán o vindeiro día 8, con dous actos centrais que levarán a cabo Celeste Garrido en Pontevedra pola mañá e Luz Darriba en Vigo pola tarde. A primeira desenvolverá a acción ‘Un feminismo inquebrantable’, unha acción que amosará as mulleres como un exército, unidas fronte a un obxectivo común. Como explicou a propia artista, “será unha chamada á sororidade. Unidas venceremos e seremos inquebrantables por moito que traten de tombarnos”. No caso de Luz Darriba, a súa acción leva por título ‘CoidarMos’ e constitúe un berro feminista que trata, como sinalou na súa intervención, “deses coidados que facemos as mulleres desde sempre, que non son recoñecidos nin valorados”.

    Reivindicando desde a arte, porá o foco ao talento feminino nas artes a través das máscaras que as artistas Lara Lars, Gemma Marqués e Laura Romero deseñaron para o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Laura Romero explicou que a súa máscara naceu coa idea de facer unha “homenaxe ás mulleres da música tradicional galega, pero evolucionou ao deseño que é un agradecemento a todas as mulleres”, en especial as do rural porque foron elas as que “mantiveron viva” esa tradición. Pola súa banda, Lara Lars amosa na súa máscara a unha muller con lentes violetas, “porque necesitamos activar ese piloto e determinar situacións sexistas e patriarcais coas que nos atopamos día a día e poidamos censuralas”. E Gemma Marqués titulou “Retratadas” ao seu deseño, no que debuxa a un grupo de mulleres. “É un xogo de palabras, polos retratos e pola reivindicación de que se nos trate co respecto que merecemos”.

    Reivindicando desde a política será a acción que se levará a cabo no pleno deste venres 26 de febreiro, no que Laura Romero lerá o manifesto do 8M e se presentará o vídeo “Coidados”, no que se chama a atención sobre a necesaria corresponsabilidade dos homes.

    Reivindicando desde o xornalismo plasmarase na nova edición do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, que terá lugar os días 5 e 6 de marzo. O venres 5, coincidindo coa apertura do debate, izaranse as pancartas do 8M nas fachadas do Pazo Provincial e da sede da Deputación en Vigo e pola noite comezará o acendido dos dous edificios, que se prolongará ata o 31 de marzo.

    Nas redes sociais desenvolverase a iniciativa Reivindicando a pegada das Mulleres. 365 días-365 mulleres, coa que se pretende “visibilizar a pegada das mulleres ao longo da historia e o seu legado no avance da sociedade”. Con este obxectivo recompilaranse mulleres referentes en diversos ámbitos e sectores, como a cultura, ciencia, literatura e economía entre outros.

    Da man de mulleres expertas “para seguir aprendendo xuntas, celebrarase Reivindicando desde a Ciencia e está previsto o ciclo “Ciencia en Feminino”. Serán catro actividades, e comezarán o día 4 cunha entrevista a Marisol Soengas, para seguir o día 11 cunha mesa redonda sobre “Políticas de Visibilidade”, con Carmela Silva, María Jesús López Díaz e Amparo Alonso. O día 18 haberá unha entrevista con Zulema Altamirano e o día 25 pecharase con outra mesa, “Unha carreira científica en desigualdade”, con María de la Fuente, Elena Ojea e María Mayá.

    Reivindicando desde a Música traerá actividades do proxecto da Deputación “Descúbreas”, para proporcionar ás mozas da provincia ferramentas para que poidan dedicarse á música. Están previstos un concerto, o lanzamento da Newsletter, así como a posta en marcha dun vídeo colaborativo cuxa primeira canción elixida é “Matriarcas”, de Guadi Galego. Por último, “Conversa e descubre” é outro ciclo de charlas nas que profesionais e artistas contarán a súa experiencias e traballos dentro da música para animar ás nenas e mozas a ver todo o abanico de traballos que están a facer as mulleres. Na primeira sesión en marzo participarán Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (voz en Agoraphobia), Patricia Hermida (mánager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna).

    Dentro de Reivindicando desde a Cultura están previstas dúas accións do programa “Violencia Zero”, a primeira o día 15 en Ponteareas con Twins Experimental e a segunda o 22 en Nigrán con Analía Beltrán. E Reivindicando desde o Deporte terá unha sorpresa o 16 de marzo coa presentación dun vídeo dedicado ás mulleres deportistas, reivindicativo sobre as inxustizas e desigualdades que teñen que afrontar nas súas respectivas modalidades e no que participan entre outras Paula Dapena, Elena Casal e Charo Castro.

    Reivindicando ás Expertas terá a súa posta en marcha coa creación dun Comité de Sabias dentro da Cátedra Feminismos 4.0 que a Deputación desenvolve xunto á Universidade de Vigo. Preténdese dar continuidade a unha traxectoria de séculos na que as mulleres se reunían para demandar o seu posicionamento, e neste senso o 17 de marzo celebrarase un encontro virtual para a posta en marcha do Comité e que ten dous obxectivos: “Seguir a estela do labor que desenvolveron grandes mulleres, como Pardo Bazán, María Vinyals, Juana de Vega ou Sofia Nova, e tamén visibilizar académicas, profesionais, expertas, que teñen que ser as que precisan as novas xeracións”.

    Dentro do eixo Reivindicando na escrita o 21 de marzo festexarase o Día da Poesía cunha acción con mulleres poetas que gravarán e interpretarán poemas de escritoras feministas. E en Reivindicando o Cinema poranse en marcha os premios #MulleresnoFoco, que pretenden recoñecer o papel das mulleres no audiovisual. Por último, xunto á Universidade de Santiago, en Reivindicando a historia das Mulleres se porá en valor a historia das mulleres da provincia baixo o proxecto “Pontevedra en América: Unha mirada en feminino”, co que se pretende rescatar a experiencia e mirada feminina da emigración, “silenciada e ignorada”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.